A Lira de Ribadavia volve ao Certame Galego sete anos despois, cunha banda maioritariamente renovada

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A formación ribadaviense, con 52 integrantes e unha idade media de 24 anos, competirá este sábado na sección terceira do XIX Certame Galego de Bandas de Música

Ribadavia, 6 de outubro de 2026. – A Lira de Ribadavia volverá este sábado ao Certame Galego de Bandas de Música, sete anos despois da súa última participación. A banda ribadaviense competirá na sección terceira do XIX Certame Galego, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, nunha edición que reunirá dezasete formacións no Pazo da Cultura de Pontevedra.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A participación da Lira chega ademais marcada polo importante relevo xeracional da agrupación. A banda participa con 52 músicos e unha idade media de 24 anos. Trinta e cinco integrantes teñen 25 anos ou menos, dos que 15 son menores de idade. O músico máis novo ten 12 anos e o máis veterano, 58. Ademais, seis dos integrantes están a vivir este curso o seu primeiro ano na formación.

A Lira actual é, polo tanto, moi diferente da que participou no Certame en 2019; a maior parte dos músicos que forman hoxe a banda non estaba naquela formación, convertendo esta participación nunha oportunidade para que unha nova xeración de músicos afronte por primeira vez un dos principais escenarios competitivos do panorama bandístico.

De feito, a iniciativa de participar partiu dos propios músicos máis novos. «Foron os máis novos da banda os que quixeron afrontar este reto», explica o presidente, Iván Estévez. «Para eles é unha oportunidade de vivir unha experiencia diferente, compartir escenario con outras bandas e comprobar o traballo que fomos facendo durante estes meses».

A formación ribadaviense leva preparando o certame desde mediados do verán e presentará un programa de aproximadamente 32 minutos, no que combinará repertorio galego e internacional. A actuación estará composta por Camiño Miñoto, de Andrés Álvarez, clarinetista da propia Lira; Cantigas, de Iago Hermo, obra obrigada da sección terceira; e First Suite in Eb, de Gustav Holst, como obra libre.

«Levamos meses traballando neste programa e chegamos con ganas de presentar ese traballo sobre o escenario», sinala Xabier Oliveira, director da agrupación. «Máis alá do resultado, para unha banda cunha presenza tan importante de músicos novos, participar nun certame deste nivel é unha experiencia de aprendizaxe e un reto artístico».


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A sección terceira, na que participa A Lira, comezará ás 17:00 horas e contará con cinco bandas participantes. A actuación da formación ribadaviense está prevista aproximadamente para as 19:30 horas.

DATOS DA PARTICIPACIÓN

XIX Certame Galego de Bandas de Música

  • Organiza: Federación Galega de Bandas de Música Populares
  • Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra
  • Data: sábado 10 e domingo 11 de outubro
  • Sección: terceira
  • Bandas na sección: 5
  • Bandas participantes no certame: 17
  • Actuación da Lira: aproximadamente 19:30 h do sábado 10 de outubro
  • Director: Xabier Oliveira Blanco
  • Programa: Camiño Miñoto (Andrés Álvarez), Cantigas (Iago Hermo) e First Suite in Eb (Gustav Holst)
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------