Dacosta a González pola sanción á empresa da súa familia: “vostede non é un espectador”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG aféalle que tivese que ser o Grupo Socialista quen levase o caso ao Parlamento máis de dúas semanas despois de coñecerse e reclámalle que aclare cando informou a Rueda

A deputada contrapón o sucedido coa petición da Xunta de xestionar os permisos de traballo de persoas estranxeiras: “Que modelo defenden? Que veñan traballar, pero sen papeis, sen alta e sen as mesmas garantías?”

Santiago de Compostela, 07 de outubro de 2026. A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle esta tarde no Parlamento ao conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, explicacións pola sanción da Inspección de Traballo a unha empresa pertencente ao grupo empresarial da súa familia, despois de que se detectase a presenza de persoas migrantes sen papeis traballando na vendima.

Dacosta centrou o debate na responsabilidade política de González e non na súa relación familiar coa empresa. “Vostede non pode responder a este asunto como un familiar da empresa. Ten que responder como conselleiro”, advertiulle.

A socialista lembrou que González foi responsable de Medio Rural desde 2018 ata abril de 2024 e que desde entón está á fronte precisamente das políticas de Emprego e Emigración. “Non queremos que nos fale da honorabilidade da súa familia. Queremos que responda da súa responsabilidade política”, sinalou.

Tamén lle reprochou que, máis de dúas semanas despois de coñecerse o caso, tivese que ser o Grupo Socialista quen levase o asunto ao Parlamento. Ata agora, González dera explicacións ante os medios, onde falou dun “desgraciado incidente”, negou que existise intención de fraude e atribuíu o sucedido a que a empresa confiara en que as persoas facilitadas por unha ETT tiñan a documentación en regra.

“Pero ao Parlamento non veu”, lembrou Dacosta, que lle pediu que aclare cando tivo coñecemento da sanción e cando informou ao presidente da Xunta. “O señor Rueda asegura que se enterou pola prensa”, apuntou.

A deputada detívose tamén nas explicacións ofrecidas sobre a contratación. González referiuse á ETT, pero Dacosta lembrou que a denuncia que o propio conselleiro confirmou non foi presentada contra esa empresa, senón contra os traballadores por unha suposta usurpación de identidade.

“Teremos que saber exactamente que pasou, que controis realizou a empresa e como foi posible que esas persoas estivesen traballando nas viñas sen ter a súa situación regularizada”, reclamou.

Dacosta preguntoulle ademais que tería sucedido se algún dos traballadores sufrise un accidente durante a vendima mentres estaba traballando sen estar dado de alta. E ligou directamente esta cuestión co cargo que ocupa González: “Vostede é quen ten que falarlles ás empresas galegas de legalidade laboral. Vostede é quen fala de emprego de calidade. Vostede é quen xestiona as políticas de emigración e inmigración laboral”.

A socialista levou esa contradición á política migratoria que defende a Consellería. Segundo lembrou, González está reclamando ao Goberno de España que Galicia asuma a xestión das autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras, tamén para empregos de temporada, mentres fala dunha inmigración “ordenada e planificada”, vinculada ás necesidades do mercado laboral e con garantías.

“Pois explíquenos como encaixa ese discurso co sucedido”, espetoulle.

“Que modelo defenden vostedes? Que as persoas migrantes veñan traballar, pero sen papeis, sen alta e sen as mesmas garantías?”, preguntou Dacosta. “Porque vostede non é un espectador”.

A deputada insistiu en que González non pode reclamar máis competencias para xestionar os permisos de traballo das persoas estranxeiras e, ao mesmo tempo, cando se produce unha infracción laboral nunha empresa do grupo empresarial da súa familia, despachala como un “desgraciado incidente”.

“Se isto sucedese en calquera outra empresa galega, aceptaría vostede como conselleiro que todo quedase reducido a un ‘desgraciado incidente’?”, preguntoulle.

Dacosta tamén cuestionou a desvinculación empresarial á que alude González. Segundo expuxo na Cámara, na declaración do conselleiro de 2024 figura unha participación do 39 por cento en Mirador de Banga S.L., unha sociedade dedicada á explotación agrícola para a obtención e comercialización de uva e que comparte domicilio coas empresas familiares.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A socialista recuperou ademais os antecedentes de Casal de Armán e as preguntas que o seu grupo formulou no Parlamento a comezos deste ano por unha construción sobre a que existe unha orde de reposición da legalidade. Dacosta sinalou que o PSdeG preguntou polos expedientes sancionadores abertos, as sancións impostas e a situación destes procedementos e que a Xunta segue sen responder.

“Canto se ingresou durante eses anos? Canto se pagou en sancións? Compensaba incumprir?”, preguntou.

Dacosta pechou a súa intervención volvendo ao motivo central do debate. “Houbo unha infracción laboral e houbo unha sanción”, afirmou. “E vostede ten que explicar como pode seguir sendo o conselleiro encargado de defender exactamente o contrario”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------