Gabriel González, do Carballiño, premiado no certame ‘Xuventude Crea 2026’ da Xunta na categoría de banda deseñada polo seu traballo “Manuéh”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Galicia reuniu hoxe as once persoas que foron distinguidas no Xuventude Crea 2026 nas modalidades de novela curta, poesía e banda deseñada, categorías coas que o certame da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude premia o novo e emerxente talento literario e artístico da xente moza.

Así, neste encontro, celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, contouse co primeiro, segundo e terceiro premio da categoría de novela curta que recaeron, respectivamente, nas obras Entre eternidades, de Violeta Meléndrez, da Coruña; Aquí radio Bergantiños, de Xairo Campos, de Carballo, e Luscofusco, de Aarón Barreira, da localidade coruñesa de Culleredo.

En canto a temática das obras, Entre eternidades é unha novela nostálxica sobre a amizade, mentres que Aquí radio Bergantiños é unha ficción de intriga que combina o suspense coa memoria oral e a identidade dos territorios. Finalmente, Luscofusco reflexiona sobre a vellez no rural cun ton entre o humor e a tenrura.

De igual modo, esta xuntanza serviu para afondar nos procesos creativos das tres persoas distinguidas co Xuventude Crea 2026 da modalidade de poesía que, nesta edición, foron  a parar ao traballo Esporanxio, de Alendre Corbillón, do municipio ourensán de Celanova; Sucos sobre a pel, de Carla Tilve, de Pontevedra, e Azul e vermello na estrada, de Xián Lois Alcayde, natural da Coruña pero residente na cidade do Lérez, e quen xa se fixera co terceiro premio nesta modalidade na edición do pasado ano.

Respecto ás composicións poéticas premiadas, Esporanxio é definida polo propio autor como o tránsito abrupto dunha despedida. No caso de Sucos da pel, a creadora explora a identidade por medio da herdanza e carga histórica que  posúen as famlias, e en Azul e vermello na estrada emprégase a memoria para emprender unha viaxe que sucede fóra dos poemas.

A análise e reflexión ao redor da creación que propiciou o encontro sumou tamén os tres gañadores e os dous mencións de honra da categoría de banda deseñada deste ano. Así, fixéronse co primeiro, segundo e terceiro galardóns, respectivamente, Luciano Ripio, da Coruña, con Un cómic de plastilina; Aydan Pardavila, do municipio pontevedrés de Cangas de Morrazo, con Criaturas toscas e descoñecidas, e Gabriel González, da localidade ourensán do Carballiño, con Manuéh.

Sobre a temática concreta de cada un dos traballos premiados, Un cómic de plastilina afonda sobre a responsabilidade individual de achegar solucións aos problemas que asolan o mundo; Criaturas toscas e descoñecidas transmite a estrañeza da protagonista ante o comportamento adulto a medida que medra e, finalmente, Manuéh aborda con humor o traballo como repartidor de correo postal dun galego en Noruega.

Ademais, a alta calidade das propostas presentadas a esta modalidade do Xuventude Crea 2026 provocou que se concedesen dúas Mencións de Honra ao cómic Sen pálpebras, da viguesa Laura Domínguez, e a Un bo día, do tamén vigués Andrés Chinchilla. A primeira creación afronta a relación conflitiva que a protagonista do cómic mantén coas tecnoloxías e redes sociais, e, pola súa banda, a segunda obra pretende reflectir a felicidade da vida cotiá do personaxe principal.

Décimo sétimo ‘Xuventude Crea’ con 15 especialidades

Cómpre precisar que estas modalidades conforman as 15 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea 2026, que segue a consolidar a seu interese entre a mocidade galega con preto de medio milleiro de persoas inscritas este ano e que celebrará a gala cando rematen todas as finais das diferentes categorías.

A iniciativa chega este ano á súa décimo sétima edición sendo un programa consolidado e con prestixio no eido cultural e artístico galego, no que xa participaron preto de 6.000 mozos e mozas, con 4.000 obras e proxectos creativos e no que se repartiron preto de 700 premios por un importe total superior ao millón de euros e 89 mencións de honra.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------