O prazo de inscrición para o programa ‘Xuntos polo Nadal’ na Residencia de Tempo Libre do Carballiño remata o vindeiro luns, 30 de novembro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado da Xunta en ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá á Residencia de Tempo Libre do Carballiño para agradecer a todos os traballadores do centro o seu labor na atención e coidado dos maiores, especialmente nestas datas tan sinaladas que están a piques de chegar, nas que a compañía é fundamental.

No percorrido polas instalacións, Manuel Pardo lembrou que a Xunta ten aberto ata o vindeiro día 30 de novembro o prazo de inscrición no programa Xuntos polo Nadal; iniciativa que a Consellería de Política Social e Igualdade dirixe ás persoas de 60 anos ou máis que estean soas nestas datas e desexen pasalas acompañadas.

O delegado da Xunta explicou que neste centro ofrécense para os solicitantes das provincias da Coruña e Ourense un total de 130 prazas no marco do programa, que se levará a cabo entre o día 23 de decembro de 2026 e o día 7 de xaneiro de 2027, en tres quendas diferentes, das que se deberá elixir unha: do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (16 días), do 23 ao 30 de decembro (8 días) e do 31 de decembro ao 7 de xaneiro (8 días). Inclúese aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, traslado en autobús ata as residencias desde as principais cidades e viaxe de regreso, así como actividades de animación sociocultural.

Nesta liña, Manuel Pardo detallou que para acceder ao programa é necesario ter 60 anos, valerse por un mesmo, estar empadroado en Galicia ou vivir só no domicilio e non ter con quen pasar as datas do Nadal, entre outros requisitos. Para a selección das persoas participantes daráselle preferencia a aquelas que perderan o seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos dous anos, ás que teñan máis idade e ás que non participaran nas edicións anteriores.

As solicitudes para inscribirse en Xuntos polo Nadal poden realizarse preferentemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou maneira presencial nas Oficinas de atención á cidadanía e de rexistro. As peticións de praza deberán ir acompañadas da declaración responsable e do informe social que figuran nos modelos oficiais da convocatoria.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------