“A actuación incompleta non rematou coa marxinación histórica do Polígono de San Cibrao que, porén de ser a maior área industrial de Galicia, carece dunha vía de alta capacidade que acceda directamente aos seus 4 millóns de metros cadrados de superficie desde a autovía das Rías Baixas”, sostén o voceiro provincial socialista, Álvaro Vila
“Ao contrario do que ocorre noutras latitudes galegas, que reciben un trato de favor por parte desta Xunta do PP, as áreas industriais e empresariais de San Cibrao, cos seus arredor 10.000 traballadores, seguen sen unha vía de acceso de alta capacidade medio século despois da súa inauguración”, sentenza Vila
Ourense, 17 de outubro de 2023. O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense insta á Xunta de Galicia á “execución completa e integral” dos tramos que restan na denominada Ronda Leste A52-A76 para mellorar a conexión entre o Polígono Industrial de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico coa autovía das Rías Baixas. “O que se fixo foi unha falsa conexión entre os polígonos e a autovía, que non supuxo melloras cuantitativas nin cualitativas na competitividade das empresas e a mobilidade dos empregados e visitantes da área industrial”, xustifica Álvaro Vila, voceiro provincial socialista. Segundo Vila, “esta actuación incompleta non rematou coa marxinación histórica do Polígono de San Cibrao que, porén de ser a maior área industrial de Galicia e unha das principais de España, segue a carecer dunha vía de alta capacidade que acceda directamente ata aos seus 4 millóns de metros cadrados de superficie desde a autovía das Rías Baixas”.
O trazado da vía comeza no enlace de Rante, que une a A-52 e a AG-31, se ben remata abruptamente na estrada N-525, a uns dous quilómetros da entrada ao polígono industrial de San Cibrao. “Diante de tal esperpento, recollemos as numerosas queixas de empresas, transportistas e traballadores que reivindican unha conexión directa coa área industrial que permita reducir os tempos de viaxe, facilite as conexións e reduza a conxestión de vehículos”, sostén Álvaro Vila, quen tamén é alcalde de Taboadela, un dos concellos directamente afectados. Os traballos non conformaron un acceso directo como tal entre a A-52 e o polígono, nin serviron para mellorar a mobilidade dos miles de traballadores que a cotío se desprazan entre Ourense capital e o norte da provincia e a área industrial. “Así as cousas, xa é tempo de reclamar da Xunta de Galicia unha conexión real, a través dunha vía de alta capacidade que conecte o polígono industrial de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico coa A-52 e a AG-31”, salienta o voceiro socialista.
Agravio comparativo con Ourense
Para o Grupo Provincial Socialista o desleixo do proxecto da Ronda Leste A52-A76 representa “un novo exemplo de desidia da Xunta de Galicia en Ourense”, representando un “agravio comparativo” con respecto a outras partes do territorio. A modo de exemplo, os socialistas evocan a autovía de acceso ao polígono do novo porto exterior da Coruña, onde apenas hai empresas instaladas, pero que se atopa en servizo con sección de autovía conectada coa A-6 desde o ano 2016, nun momento no que a dársena se atopaba aínda en obras e cun investimento global duns 80 millóns de euros. O vieiro en uso en San Cibrao forma parte do “plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia”, aprobado polo goberno autonómico en 2013, con Alberto Núñez Feijóo como presidente. O plan prevía unhas 40 actuacións sobre 135 quilómetros de estradas para “mellorar a mobilidade” e “desprazarse con seguridade, rapidez e comodidade”.
Entre as actuacións contempladas polo “plan sectorial da rede viaria en Ourense” figura a chamada Ronda Leste A52-A76 formada por tres tramos, non estando en funcionamento a día de hoxe máis que primeiro destes. Os tramos restantes, que son os que circunvalan o Polígono de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico de Galicia creando novos e necesarios accesos a estas áreas centrais no desenvolvemento económico da nosa provincia, están parados, non sabendo cando se retoman as obras. Para o voceiro socialista, “esta infraestrutura vital para Ourense e que depende enteiramente da Xunta de Galicia atópase incompleta e non presta o servizo necesario para unha operatividade óptima”. “Ao contrario do que ocorre en noutras latitudes galegas, que reciben un trato de favor por parte desta Xunta do PP, as áreas industriais e empresariais de San Cibrao, cos seus arredor 10.000 traballadores, seguen sen unha vía de acceso de alta capacidade medio século despois da súa inauguración”, sentenza Vila.