O centro de saúde do Carballiño contará cun novo pediatra neste mes de marzo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Servizo Galego de Saúde publicou a listaxe coas persoas que accederon á condición de pediatras con praza en propiedade na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, na convocatoria por concurso de méritos da Consellería de Sanidade para as prazas tipificadas como de difícil cobertura.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

En Galicia cubríronse neste proceso un total de setenta prazas, cincuenta e oito para atención primaria e doce para hospitais comarcais. Estas cifras foron anunciadas polo presidente da Xunta, tras a última reunión do Consello da Xunta.

No caso da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, foron asignadas todas as prazas convocadas, tres nos hospitais comarcais e cinco en Atención Primaria (2 no Centro de Saúde de Verín, e 1 no Centros de Saúde de O Barco, 1 no Centro de Saúde de o Carballiño e 1 para os Centros de Maceda-Castro Caldelas-Trives).

Está previsto que unha vez publicado no DOG comece o prazo de toma de posesión previa á súa incorporación efectiva nos seus novos postos durante este mes de marzo.

Con esta incorporación dase resposta a parte das demandas da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública do Carballiño, constituída precisamente para reclamar pola ausencia total de pediatras no Centro de Saúde tras a xubilación dunha das pediatras titulares.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------