O acto de inauguración contou coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés
Rey, e dos conselleiros José González e Alfonso Villares, entre outras
autoridades
A chef Begoña Vázquez de O Regueiro da Cpva (Verín, Ourense) proclamouse
gañadora do concurso Cociñeiro Galego 2024, patrocinado por Gadis
Houbo un minuto de silencio en recordo dos voluntarios da organización
benéfica do chef José Andrés, asasinados mentres realizaban a labor
humanitaria
Estrella Galicia e Sargadelos presentan mañá o seu novo proxecto de
colaboración conxunta, nunha xornada con grandes nomes como o arxentino
Lino Adillón, o mellor chocolateiro do mundo 2022 Lluc Crusellas, ou as 2
estrelas Michelin Javier Olleros
7 de abril de 2024. Galicia Fórum Gastronómico volveu abrir as súas portas ao público en
Expocoruña, converténdose no punto de encontro dos profesionais e amantes da gastronomía que
durante tres días gozarán do evento, cuxo eixo temático é a despensa atlántica.
O acto inaugural contou coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; os conselleiros José González, de Medio Rural, e Alfonso Villares, do Mar; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro; o director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos; a directora xeral de Galicia Calidade, Ana Méndez; o director de Trade Marketing & RRPP de Hijos de Rivera, Manel Piñón; a directora de Galicia Fórum Gastronómico, Ana Trevisani, e o director do programa, Pep Palau, entre moitos outros.
Todos eles coincidiron en cualificar o Fórum como un espazo “de formación permanente e de networking”, destacando o seu carácter de “oteador de tendencias, escaparate do talento dos nosos cociñeiros e escenario das grandes voces que achegan no panorama gastronómico actual”, que soubo “facer convivir tanto ás grandes empresas, distribuidores e marcas como Estrella Galicia,
Repagas, Cash Record, Makro, Gadis e un larguísimo etc. como ao pequeno produtor, esencia da inmensamente rica despensa galega”, tal e como sinalou Ana Trevisani, quen afirmou que “en Fórum asumimos a responsabilidade de seguir crecendo, proxectando aos nosos cociñeiros e traballando pola mellora continua da gastronomía galega”.
Ademais de achegar valor ao sector da hostalería, Galicia Fórum Gastronómico tamén é unha peza fundamental para evidenciar o poder da gastronomía no ámbito turístico para axudar á desestacionalización, á vez que dá a coñecer os produtos galegos que apostan pola calidade e a singularidade, sen esquecer a súa axuda á promoción e consolidación de Galicia e A Coruña como destino, convertendo ademais á cidade herculina estes días en “capital gastronómica” tal e como destacou a súa alcaldesa, Inés Rey.
A inauguración finalizou cunha visita guiada polo recinto feiral, composto por máis de 200
expositores, interrompida por un minuto de silencio en recordo das vítimas da organización benéfica World Central Kitchen do chef José Andrés, asasinadas esta semana mentres realizaban un labor humanitario transportando alimentos aos máis necesitados no conflito de Israel e Palestina. Por iso, as
pantallas do Fórum se tiñeron de negro ás 12.30h en todos os espazos cunha frase de Gabriela Mistral: “Na confrontación, o alimento eríxese como a ponte que conecta corazóns e reconstrúe esperanzas”, no momento máis emotivo do día.
Unha primeira xornada que recibiu unha gran afluencia de visitantes, e que comezou no Auditorio co acto de clausura da promoción 2022-2023 do Instituto Galego do Viño. O mesmo espazo serviu ademais para a primeira sesión ao redor dun dos principais produtos da despensa atlántica, o porco, que desenvolveu Diego López “Moli” (A Molinera, Lalín) e á que seguiu a de Ivan Domínguez (Nado, A Coruña), Alejandro, Balseiro (Nito, Viveiro), Sefa e Fran Insua (O Fragón, Fisterra) e Agus Medici
(Purosushi, Vigo).
Tamén no Auditorio e á primeira hora da tarde tivo lugar uno dos momentos máis esperados, a proclamación do Cociñeiro Galego 2024, patrocinado por Gadis. O premio foi para Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova, Verín, Ourense) que, do mesmo xeito que os finalistas, Alba Aguiar e Álex Falcón (D’Leria, Carril, Pontevedra), Alberte Gutiérrez (Alberte, Vigo, Pontevedra), Fernando Rodríguez (O Secadeiro, Outes, A Coruña) e Víctor Conus (A Mesa de Conus, Vigo, Pontevedra), realizou un prato en directo.
Vázquez, que procede do rural ourensán, é a primeira muller cociñeira que gaña este concurso, sendo moi avanzada ao seu tempo na defensa do produto local. Cunha cociña fundamentada en produtos da terra, destaca por ser unha “cociña con valores”, característica que sobresae por encima
da propia calidade gastronómica da proposta e que apunta a un cambio de tendencia.
Ao gran escenario do Fórum subíronse tamén dous grandes chefs, Begoña Rodrigo (A Salita, Valencia) e, clausurando a xornada, Lucía Freitas (A Tafona, Santiago de Compostela) e as súas Amas
da Terra. Trátase dunha iniciativa pioneira da chef compostelá que, consciente da importancia do labor que desenvolven as mulleres do Mercado de Abastos da súa cidade para a súa cociña, decidiu
impulsar unha rede e poñer en valor o seu papel como provedoras de produtos para os restaurantes.
Por outra banda, no taller realizáronse durante toda a xornada sesións de tema diversos como os
alimentos de proximidade nos comedores escolares de Galicia, promovida por AGACAL; a
repostería artesanal con Diego Trillo (Pandejuevo); a permacultura, a cargo de Moncho Méndez
(Millo Orzán, A Coruña); e unha última sobre a despensa da terra con Ana Señarís e Quique Vázquez
(Terreo, A Coruña). Todos eles tiveron degustación, trazo diferenciador deste espazo. No Ágora, o público asistente puido gozar de actividades sobre as conservas do mar e unha cata de queixos e meles de Galicia.
En canto á Aula de Gastronomía Líquida, tiveron lugar os Vinomios, con Pilar Cavero, Rosa Molinero, Carlos Monitilla e Nuno Pires; as primeiras Wine Talks, a cargo de Martiño Santos (Vide Vide, Santiago de Compostela), Saleta Fernández (Adegas Sañas, Pantón), José “Sito” Dieste (Castes, Villagarcía de Arousa) e Juan Fernández (Malte, A Coruña); así como as dúas semifinais da Batalla de Sumilleres e unha sesión do coñecido coctelero Javier Caballero, mentres que no Cocktail Bar Fórum celebráronse nove actividades coa participación dos mellores cocteleros bartenders do momento.
Todas as actividades rexistraron un cheo absoluto.
XORNADA DO LUNS. Galicia Fórum Gastronómico continuará mañá a súa andaina con novas
actividades, entre elas as programadas por Estrella Galicia, principal partner do evento, que
presentará ás 13.00 horas o seu novo proxecto de colaboración conxunta con Sargadelos, na aula de
Cultura Cervecera convertido en epicentro da divulgación da cervexa durante as xornadas de
celebración do Fórum. Xusto antes desta presentación, ao redor das 12.40, coñeceranse ademais os
gañadores da edición Norte do Campionato Galego de Tiraxe de Cervexa, un certame que terá lugar
nese mesmo espazo ao longo da mañá.
Ademais, a xornada inclúe a participación de grandes nomes como o arxentino Lino Adillón, o mellor
chocolateiro do mundo 2022 Lluc Crusellas, ou as 2 estrelas Michelin Javier Olleros, e relatorios de
gran interese centradas nos modelos de salas ou os comedores colectivos sostibles.
As entradas, cun prezo de 20 euros para luns e martes, poden adquirirse a través da web, permiten o
acceso ao recinto feiral e a todas as actividades, a condición de que haxa prazas dispoñibles, xa que o
acceso é por orde de chegada. Para os talleres con degustación, Cocktail Bar Forum e Wine Circus
pódese realizar tamén unha reserva previa de praza cun custo de 5 euros (non reembolsable), e que
garante asento ata 10 minutos antes do inicio da actividade.
Ademais, durante toda a xornada volverá estar aberta a área de restauración, CookTrends by Cash
Record, con representantes de todos os colectivos de cociña.
Éxito de público e homenaxe ás vitimas de World central kitchen no primeiro día do Galicia Fórum Gastronómico
PUBLICIDADE
---------------------------------------------------------------------------------------------------