A segunda edición da xuntanza de coches clásicos do Irixo celebrarase o sábado 8 de xuño. Dende a organización anunciaban un récord de participación, con preto de 80 vehículos inscritos. A participación inclúe un almorzo, dúas rutas, sesión vermú, xantar, recordatorio e pegatina identificativa do vehículo. Ao remate, a partir das 17:00 horas, haberá un dúo musical, un bar aberto e exposición dos vehículos participantes.
Será unha xornada completa de desfrute para os amantes do mundo do motor clásico, onde ademais haberá agasallos para os participantes. Tamén entregarán cinco premios: ao coche máis antigo, ao que ven de máis lonxe, ao mellor restaurado, á participación máis chamativa e ao gañador do reto, que será contabilizar cruceiros e fontes do Irixo.
















