Esta semana tivo lugar no barrio de Flores do Carballiño unha nova edición de Flores de cine, en horario de 22:30 horas. Este ano con tres magníficas películas. Despois de dúas sesións, chegan a hoxe xoves, onde pecharán a programación cunha pequena xoia do cinema español máis recente, Las gentiles, dirixida no ano 2021 por Santi Amodeo, unha historia centrada na adolescencia de dúas rapazas encarnadas de xeito moi convincente por dúas novas actrices, África de la Cruz e Paula Díaz.
Ana verte a súa vida en Instagram e outras redes sociais, onde publica fotos, vídeos e animacións curtas, acompañadas de textos ácidos. Ana está pasando por un momento estraño. Entre os conflitos familiares e os problemas identitarios propios da súa idade xurdiu algo novo. Ocorre que sente algo que non entende polo seu amigo Corrales, a quen adora desde que o coñeceu. Ela e o grupo de amigos do instituto puxéronse en contacto nas redes sociais cuns adolescentes atraídos polo suicidio. Para eles é como un xogo, algo divertido e transgresor.