O BNG de Ourense conmemora a semana da Patria este luns cun roteiro polas rúas da zona histórica da cidade e como acto previo á gran manifestación do día 25 de xullo en Compostela

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Os actos comezarán na explanada traseira da fonte das Burgas co despregamento dunha bandeira galega para logo continuar en roteiro, amenizado por música, percorrendo as estatuas homenaxes a Blanco Amor, Bóveda e Castelao antes de rematar con xogos populares no Xardín do Posío

Ourense, 21 de xullo de 2024. O programa do Día da Patria deseñado polo BNG inclúe múltiples actos polas comarcas, vilas e cidades ao longo de toda a semana do 25 cunha importante axenda de encontros e en cuxa organización participan tanto as distintas agrupacións da forza nacionalista como a base social e militante.

No caso do BNG de Ourense, o principal acto terá lugar no serán deste luns día 22 de xullo e consistirá nun roteiro que comezará na zona das Burgas ás 20:30 horas co despregamento dunha bandeira galega para posteriormente continuar cun roteiro polas principais rúas da zona histórica da cidade, amenizado polo grupo musical “Airiños de Caldelas” e con paradas para a lectura de poemas diante das esculturas homenaxe a Blanco Amor na Praza Bispo Cesáreo, a Alexandre Bóveda na rúa da Barreira ou a Castelao na Praza da Imprenta. O percorrido rematará no Xardín do Posío coa lectura dun manifesto e con xogos populares para amenizar a tarde.

Ao tempo, desde a Organización nacionalista fan un chamamento á veciñanza para participar nos actos do vindeiro 25 de xullo en Compostela, unha data referencial no calendario e que culminará cunha gran manifestación a partir das 12:00 horas polas rúas compostelás.