A Asociación O Potiño vén de colgar unha nova exposición na Casa do Concello do Carballiño. Trátase de “Sombras”, unha das mostras incluídas no programa deste ‘Arenteiro Fotográfico 2024’ e que recolle unha escolma de imaxes sacadas polos propios integrantes do colectivo, e sobre a que nos fan esta proposta: “A fotografía é luz. Tema da nosa exposición: sombras. ¿Unha contradición? ¿A sombra é ausencia de luz? ¿Unha imaxe completamente negra, dunha negrura uniforme e sen matices, pode ser considerada fotografía?. A resposta a esta última pregunta é “non”. Porque unha fotografía é luz, composición, forma… e moitas cousas máis.
Pero as outras preguntas merecen unha reflexión. A sombra non é ausencia de luz. A sombra é a forma dunha persoa ou dunha cousa debuxada pola luz nun fondo que hai detrás. E na nosa exposición as sombras convértense no ser principal, son a esencia de cada fotografía. No fondo estamos diante da alegoría da caverna de Platón: nesta exposición a verdade son as sombras.Non é un tema fácil. Pero é apaixoante. E aquí está a esencia de todo: o amor. Porque sen amor non hai arte. O artista está sempre namorado. Solo quen ama é capaz de crear.
Podemos abrir o telón coa praia das catedrais, que é unha fermosa porta de entrada á exposición. A sombra suave dun paraugas, a sombra dunha muller, e moitos pensamentos e sentimentos rebulindo na cabeza e no corazón de Manolo Celta. Dentro xa do escenario vemos mulleres, homes, insectos, bicicletas, árbores, fotógrafos, cruceiros, pedras bailando, misterios, fiestras, pontes, ánforas, e ata un gramófono… Xente e arquitectura. Sombras de cousas e de persoas. Materia e alma da creatividade todos e cada un dos “potiños” que lle dan arte, fermosura, e vida a estas sombras.
Se tiveramos espazo poderiamos ir debullando unha a unha cada foto, para sentir o latido e a alma de cada sombra. Pero déixovos a vos ese traballo e ese pracer. Mirade, sentide e gozade. Cada foto garda unha historia de amor e de ilusión. Cada sombra é un abrazo de luz. ¡Deixádevos abrazar!”.