María José Gómez pon en valor as axudas para reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor as axudas da Xunta para a reestruturación e reconversión da viña en Galicia, que se veñen de resolver -na súa convocatoria de 2024- e que suporán un investimento de 3,1 millóns de euros para beneficiar 172 persoas viticultoras e actuar sobre un total de 237 hectáreas. Así o trasladou nunha visita ás instalacións de Viña Costeira en Ribadavia, que foi beneficiaria destas achegas, e onde estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

O obxectivo destas axudas, tal e como explicou Gómez, é mellorar a competitividade das explotacións vitícolas facéndoas máis rendibles e potenciando un eido estratéxico do sector agroalimentario da nosa comunidade. Isto faise favorecendo a replantación de viñedos, a reconversión varietal e a mellora das técnicas de xestión de viñedos. Trátase, engadiu, de perfeccionar o cultivo da vide en Galicia, reducindo custos e orientándoo mellor aos diferentes mercados, potenciando tamén o grao de profesionalización ao tempo que se promove a remuda xeracional.

Volvendo a vista atrás, a conselleira lembrou que dende 2018 estas axudas supuxeron unha inxección de preto de 17 millóns de euros no agro galego, coa aprobación de case 1.100 expedientes, que permitiron reestruturar e/ou reconverter máis 1.500 hectáreas de viñedo no noso territorio. Nesta visita, a titular de Medio Rural referiuse tamén a un problema que -subliñou- “nos ocupa e nos preocupa”, como é a flavescencia dourada da vide, unha doenza que afecta a varios concellos desta zona do Ribeiro, entre outros de Ourense e Pontevedra.

En relación con esta enfermidade, Gómez insistiu nunha chamada á responsabilidade e en lembrar a obriga que teñen os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores de eliminar as plantas infestadas o antes posible e aplicar un tratamento insecticida autorizado en toda a parcela. As plantas infestadas e todas as sintomáticas das parcelas deberán ser arrincadas e destruídas, remarcou. Nesta liña, a conselleira amosou a súa confianza na responsabilidade dos viticultores, pero ao tempo sinalou que, se non se fan estes traballos, a Xunta pode actuar de forma subsidiaria e proceder coa súa eliminación.

PUBLICIDADE