O cemiterio de Señorín acollerá este sábado a presentación do libro “As horas mortas” de Emma Pedreira

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O vindeiro sábado, 29 de marzo, terá lugar no camposanto de Señorín, no Carballiño, a presentación do libro “As horas mortas”, do que é autora a escritora galega Emma Pedreira. O acto está organizado por Ozoco e comezará ás 12,30 horas coa participación da propia autora; do historiador Francisco Fumega Piñeiro, tamén alcalde do Carballiño; e de Miguel Anxo Fernández, escritor carballiñés e profesor de Comunicación Audiovisual.

A razón de que esta presentación se leve a cabo no cemiterio parroquial é porque “As horas mortas” é un libro que conta cousas curiosas e interesantísimas dos nosos camposantos e, un dos que figuran na publicación é, precisamente, ó de Señorín. Esta obra de Emma Pedreira está concivida “como unha guía de lugares, mais tamén como un compendio de historias para ler dende o sofá, ao percorrer unha pequena parte dos máis de 3.600 cemiterios da nosa comunidade autónoma, desde o histórico Santo Amaro ata un dos cemiterios máis pequenos do mundo, da tumba dun Nobel ata a dun actor proposto ao Óscar”.

A autora viaxa, ás veces soa, e outras acompañada por persoeiros vencellados ao cemiterio que visita, para coñecer máis de preto as lendas e as historias reais, ás veces con límites difusos, achegando á nosa literatura unha viaxe única e persoal, resultando unha antoloxía de lugares fúnebres e rituais e crenzas relacionadas coa vida e a morte. Percorridos como a Ruta dos Cemiterios indianos do norte, os cemiterios illegos, os desaparecidos, republicanos, protestantes e de disidentes, son algunhas das propostas de “As horas mortas”.