O BNG sinala a cobardía do Goberno Jácome nuns Orzamentos do CMD que cualifica de “tramposos”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Grupo municipal nacionalista censura que a única proposta do Goberno Jácome en materia deportiva ao longo de todos estes anos, o que denomina liña 3, consistente en subvencións nominativas, non aparezan recollidas no proxecto de Orzamento sometido a votación. Censuran tamén que apenas se destinan 10.000 euros para investimentos, reparacións e mantemento de instalacións deportivas 

Ourense, 24 de abril de 2025. O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes (CMD) debateu esta mañá o proxecto de Orzamentos deste Organismo autónomo dependente do Concello de Ourense para o presente ano 2025. Unhas contas remitidas o pasado luns aos Grupos da Oposición e que en conxunto ascenden a 5.255.400 euros, supondo un incremento do 27,64% en relación ao Orzamento anterior, algo do que presume o Executivo local pero obviando que “as contas que se toman como referencia son do ano 2020 polo que pasados 5 anos é lóxico que polo mero feito de ter que levar a cabo as actualizacións de prezos, o mesmo sufra tal incremento”.

Luís Seara, Portavoz do BNG e representante da formación nacionalista no CMD, incide precisamente neste punto. “Resulta sorprendente como o Goberno Local pretende sacar peito dunhas contas que leva 5 anos sen actualizar en tempo e forma, tentando trasladar que o incremento que se produce é debido a un importante esforzo e a unha aposta clara polo deporte no Concello. Nada máis lonxe da realidade, e basta con botar un vistazo ao propio Orzamento”.

E é que máis alá dos incrementos que se producen en determinadas partidas, consecuencia das necesarias actualizacións de prezos así como do capítulo de persoal, para o BNG resulta especialmente chamativo que a única proposta realizada polo Goberno Jácome ao longo dos últimos anos en materia deportiva, non apareza contemplada nas contas.

“Hai meses presentóusenos unha proposta para crear unha nova liña de axudas a clubes e entidades deportivas á marxe das xa existentes liña 1, para a celebración de eventos, e da liña 2, aquela na que os clubes e entidades obteñen subvencións por concorrencia competitiva”. Luís Seara sinala que “díxosenos entón que ía crearse una liña 3 consistente na concesión de subvencións nominativas aos clubes e ás entidades que o Goberno Local considerase merecedoras de dita axuda”.

“Non deixa de ser curioso como variou o pensamento do Alcalde neste senso pois pasou de criticar intensamente as subvencións nominativas cando estaba na Oposición a convertelas na súa única proposta en materia deportiva en 5 anos de goberno”.

Desde o BNG advirten que “tal e como temos manifestado en moitas ocasións, nós estamos absolutamente en contra deste sistema de reparto de axudas e mesmo presentamos no seu día unha proposta alternativa consistente en introducir a cantidade destinada a este tipo de axudas na aportación da liña 2, a da concorrencia competitiva, para que todos os clubes e entidades visen incrementadas as axudas recibidas”.

O sorprendente para Luís Seara é que “no Orzamento que se nos presenta non aparece por ningures esta nova liña 3, nin está creada nin ten partida orzamentaria e o que se nos advirte é que é vontade da presidencia levala a cabo pero a través de posteriores modificacións de crédito” e engade, “é unha tomadura de pelo coa que pretenden, chegado o momento, responsabilizar a Oposición e enfrontarnos aos clubes e as entidades deportivas vendéndolles o favor e acusándonos aos demais de non querer axudar ao noso tecido deportivo”.

Outra das partidas que máis renxe no BNG é a relativa aos investimentos en reparación, mantemento e conservación de edificios e na de reparación, mantemento e conservación de maquinaria “na que apenas se orzamentan 10.000 euros, cantidade irrisoria, argumentando que calquera investimento maior deberá ser sufragado co remanente xeral do Concello ou coas aportacións que fagan outras administracións, argumentos que para nós non son suficientes pois as deficiencias existentes témolas detectadas xa a día de hoxe e polo tanto a súa subsanación sería máis doada se xa estivesen orzamentadas”.

Por estes e por algún outro motivo é polo que o Grupo municipal do BNG ven de absterse na votación desta mañá xa que “non podemos validar unhas contas tramposas e que non respostan ás necesidades actuais do deporte en Ourense”.

PUBLICIDADE