A Red de Juderías traballa na inclusión de 6 localidades, como Sevilla ou Melilla, baixo a presidencia de Ribadavia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • César Fernández aproveita as reunións cos actuais e próximos membros para impulsar futuros intercambios coa capital do Ribeiro

Ribadavia, 16 de maio de 2025

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O alcalde de Ribadavia e presidente da Red de Juderías de España, César Fernández, está a liderar un proceso de ampliación da entidade coa análise de novas candidaturas que buscan unirse á rede, entre elas, Melilla.

César Fernández desprazouse este venres ata a cidade autónoma para manter unha reunión institucional co obxectivo de avaliar a proposta de adhesión da mesma. O alcalde de Ribadavia e presidente da Red de Juderías, reuniuse no Salón Dourado do Palacio de la Asamblea de Melilla con Juan José Imbroda (Presidente da CA de Melilla); Faleda Mohatar (Vicepresidenta segunda, Consejera de Cultura, Patrimonio cultural y del Mayor, y portavoz del Gobierno de Melilla), Ignacio Ruiz (Director General de Patrimonio Cultural y Festejos), Aurelio Fernández García (Alcalde de Lucena e membro da mesa de dirección da Red de Juderías), Francisco Barbacho Espada (Tte. Alcalde de Turismo y Cultura de Lucena), Mordejai Guanhich (Presidente de Mem Guimel e da Comunidade Israelí de Melilla), Francisco Díaz (Presidente da Fundación Melilla Monumental) e Iñaki Echeveste (Director Xerente da Red de Juderías).

Unha reunión de traballo para avaliar a realidade da cultura, historia e tradición da xudería de Melilla, a única viva na actualidade en España. Así mesmo o destacou o alcalde de Ribadavia e presidente da Red de Juderías, César Fernández, facendo fincapé no “aspecto diferenciador ao resto de candidaturas, xa que a xudería de Melilla está viva”.

Este acto, supón o primeiro paso para facer realidade a adhesión da Cidade Autónoma a unha Red de Juderías que está integrada, na actualidade, por 21 cidades que comparten un legado común vinculado á presenza sefardí.

O seu principal obxectivo é por en valor e protexer o patrimonio xudeu, tanto material coma inmaterial, que forma parte da historia e identidade que une a todas estas localidades. Un traballo conxunto co que se busca tamén a dinamización deses territorios dende o punto de vista cultural, histórico e turístico.

Segundo explicou o propio César Fernández, ademais de Melilla, neste proceso de adhesión están inmersas tamén outras localidades, coma Calatayud (Zaragoza), Uncastillo (Zaragoza), Llerena (Badajoz) ou Valencia de Alcántara (Cáceres). Tamén Sevilla, que xa formara parte da rede anteriormente, solicitou o seu reingreso.

“O que pretendemos é utilizar ese patrimonio común como unha ferramenta para potenciar as nosas localidades a nivel cultural e turístico”, incidiu Fernández, quen destacou tamén que formar parte da Rede ofrece unha importante visibilidade. De feito, aproveitando as reunións en calidade de presidente da Rede está a estreitar as relacións entre os concellos que xa forman parte dela ou están en trámite de incorporación coa finalidade de realizar intercambios culturais e turísticos con Ribadavia.

“Desde cidades grandes coma Xaén ou Córdoba ata vilas máis pequenas, coma Hervás ou Ribadavia. Todas atopamos na Rede un espazo común para dar a coñecer os nosos territorios a través da tradición sefardí que nos une”, engadiu.

A decisión final sobre a incorporación destas cidades será tomada polos órganos da propia Rede unha vez rematado o proceso de avaliación das candidaturas presentadas. Porén, César Fernández confía na integración de Melilla, cuxa candidatura para entrar a formar parte da Red de Juderías “é forte”, afirmou.