O Simposio Internacional sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética alcanza a súa maioría de idade e celebra o vindeiro xoves 29 de maio a súa 18ª edición posicionado xa como un foro especializado en Arquitectura Sostible que convoca cada ano a profesionais do sector de toda Galicia dada a traxectoria e prestixio dos relatores que participan cada ano e a transcendencia das obras que realizaron. Celebrarase no recinto feiral o vindeiro xoves en sesión de mañá (de 9,15 a 14,30 horas) e contará coa participación de 10 arquitectos e enxeñeiros de empresas que son referentes en arquitectura sostible en España, Portugal, Alemaña e Polonia.
Esta xornada está especialmente dirixida aos profesionais da edificación, arquitectos, enxeñeiros e instaladores e tamén ten o obxectivo de orientar a promotores e construtores no uso de enerxías renovables como vantaxe á hora de vender as súas promocións inmobiliarias. A asistencia é gratuíta, pero precisa de inscrición previa a través da web de www.expourense.org. O XVIII Simposio sobre Enerxías Renovables está organizado por Expourense coa colaboración da empresa ourensá INGEO-Investigación Geotérmica e conta co apoio do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e da Deputación Provincial de Ourense. O director de INGEO, Alfredo Fernández, destaca que os relatores desta edición son “referencias mundiais en arquitectura sostible e geotermia” e que é unha excelente oportunidade para os profesionais de toda Galicia.
Esta actividade formativa foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participaron o deputado de Medio Ambiente e Enerxías Renovables da Deputación Provincial de Ourense, José María Lago; o Xefe de Servizo de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia en Ourense, Roberto Álvarez Fraguas; o director de INGEO, Alfredo Fernández; e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
Programa
Como é habitual, a geotermia será tamén un dos temas abordados neste simposio e nesta edición será o tema de apertura. Os enxeñeiros polacos Hubert Wolski e Michał Szczytowski da empresa internacional sueca MuoviTech Group, que é unha referencia internacional en equipamento para geotermia, farán unha presentación das “Solucións tecnolóxicas para a arquitectura sostible en Europa”. Esta empresa conta con sede en distintos países, tamén en España. O especialista en redes térmicas urbanas, Edgar Grundmann (Alemaña) falará sobre a Distribución de quinta xeración: Calefacción e refrixeración de barrio intelixente. Doutra banda, a Eficiencia Enerxética será abordada a responsable do Departamento B2B, E-Program,, Lorena Álvarez-Salga, de Asturias, que explicará as claves dos da monetización dos Certificados de Aforro Enerxético.
O programa inclúe tamén a presentación das Liñas de Axuda do INEGA en eficiencia enerxética e enerxías renovables que serán presentadas polo Director Xeral de Planificación Enerxética e Minas e Director do Instituto Enerxético de Galicia da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila. O resto de relatorios inclúen a presentación de distintos casos de éxito de edificacións sostibles en distintos puntos de Europa. Empezando pola nosa provincia, o arquitecto galego Quico Jorreto presentará tres casos de éxito premiados na aplicación da arquitectura sostible: a Vivenda Modular Automonta (Premio do Colexio de Arquitectos de Galicia 2019); a PassivHaus Celanova (Premio GDA 2022 e 2023 – Premio Galego de arquitectura en sustentabilidade) e o Edificio de vivendas Expósito Alfonso (Rúa Progreso 59 – Ourense).
Outro dos casos de éxito de Arquitectura Sostible en España será o presentado polo Director do Departamento de Mecánicas, EFINSTAL (Madrid, España), José Pedro Cantador, que explicará a rehabilitación enerxética realizada no Gran Hotel Claridge 5* situado en Granada e de próxima apertura. Outro dos casos de éxito a analizar será o novo espazo do Museo da Mutua Madrileña na Praza de España en Madrid. Esta presentación correrá a cargo da Arquitecta experta en eficiencia enerxética, Marta Serrano, e da Responsable de Investimentos Inmobiliarios de Mutua Madrileña, Marta Guillén.
O caso se éxito internacional en arquitectura sostible desta edición será o presentado polo representante de SolidBunkers, Rui Ribeiro (Portugal) que falará de Vivendas Resilientes e Sostibles, “Unha Nova Era na Construción con Protección Total”. Trátase da primeira casa sostible con protección integrada contra ameazas nucleares, biolóxicas, ambientais, electromagnéticas e de gas radon. Trátase dunha patente que será presentada en exclusiva a nivel mundial no marco desta xornada.