O BNG alza a voz desde Os Peares en defensa do pobo palestino

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Formación nacionalista das comarcas de Lugo Sur e Ourense celebrou este martes un acto simbólico de solidariedade internacional, o mesmo tivo lugar nos Peares e alén de denunciar o xenocidio contra o pobo palestino e reivindicar a paz, pediu xustiza e o dereito dos pobos a existiren e decidiren libremente o seu futuro

Ourense, 28 de maio de 2025. O BNG das comarcas de Lugo Sur e Ourense celebraron este martes un acto conxunto e simbólico de solidariedade internacional, tivo lugar nos Peares e nel denunciouse o xenocidio contra o pobo palestino e reivindicouse a paz, ademais pediuse xustiza e o dereito dos pobos a existiren e decidiren libremente o seu futuro.

A acción consistiu no despregamento de bandeiras palestinas na ponte vella, na antiga N-120, “un símbolo de unión entre ríos e comarcas que serviu de arteria de comunicación histórica para o pobo galego”. Sarín Núñez, Responsable comarcal do BNG en Ourense pediu “o cesamento do fogo e parar o xenocidio sobre o pobo palestino”. Núñez puxo o foco na responsabilidade e complicidade internacional e na necesidade “dunha solidariedade activa fronte á inxustiza”.

Case un cento de persoas participaron no acto, entre as que se atopaban representantes institucionais, cargos orgánicos do BNG e membros de colectivos sociais e culturais da zona. Entre eles, estiveron o Deputado do BNG por Ourense Iago Tabarés, o deputado provincial Xosé Manuel Puga e os portavoces nacionalistas en diferentes localidades como Monforte, Pantón, Bóveda, Taboada, Ribadavia ou Coles.

“Escollemos Os Peares precisamente por ser un punto de encontro, unha arteria e vía de comunicación histórica na que o río sempre foi unión, e iso é o que queremos construír, paz, unidade e solidariedade fronte á inxustiza e a barbarie”, explicou Sarín Núñez. Durante a lectura da declaración, o BNG manifestou a súa “condena rotunda e sen ambigüidades” á política de violencia e exterminio levada a cabo por Israel, que nas últimas horas anunciou unha nova ofensiva sen precedentes, comezando cun bombardeo sobre unha escola que servía de refuxio para civís.

“A situación en Gaza é insostible. Máis de 16.000 crianzas foron asasinadas en 19 meses. Isto é un xenocidio e non se pode relativizar”, denunciou Núñez, quen tamén criticou a “hipocrisía” do Goberno español por tentar capitalizar o recoñecemento do Estado Palestino sen romper os acordos militares con Israel, así como o “silencio cómplice” da Xunta de Galiza.

O acto rematou cun chamamento á sociedade galega e á comunidade internacional a traballar activamente por unha solución política, xusta e duradeira baseada no respecto ao dereito internacional e na fin da ocupación. “A causa palestina non é só unha cuestión de dereitos humanos, que tamén o é. É unha loita pola liberdade, pola dignidade e pola existencia dun pobo que leva un século sufrindo opresión e expulsión”. O BNG comprometeuse a seguir apoiando a causa palestina desde todos os ámbitos.