Os catro grupos políticos con representación no Pleno esixiron hoxe que se rectifiquen as medidas que se porán en marcha o 9 de xuño e que suporán un “desprezo aos habitantes do interior de Galicia”
O recorte de servizos afecta aos habitantes de sete comarcas: as ourensás de Monterrei, A Limia, Viana, Valdeorras, e ás portuguesas de Tras-Os-Montes, Chaves e Vila Real, ademais os prexuízos que provocará aos peregrinos que inician desde A Gudiña o camiño da Vía da Prata
Ademais de horarios razoables nas paradas do AVE na Gudiña, pídense os mesmos descontos que se fan noutras estacións e medidas de accesibilidade como a instalación dun ascensor
No pleno ordinario de maio aprobáronse outras catro mocións sobre hostalería no rural, xulgados de paz, enfermidades do gando e gastos de xestión na ABAU
Modificáronse as bases de execución do actual orzamento da Deputación para incluír o detalle dos doce concellos beneficiados polo protocolo de colaboración asinado coa Consellería de Medio Rural para prevención e defensa contra os incendios forestais, por importe de 1.550.000 euros
A Deputación adheriuse á Rede de Entidades Locais Gandeiro Cárnica para defender e dar visibilidade ao sector gandeiro-cárnico, de relevancia na provincia
Ourense, 30 de maio de 2025.
Os catro grupos políticos con representación na Corporación provincial de Ourense (PP, PSOE, BNG e Democracia Ourensana) aprobaron hoxe en pleno por unanimidade unha reclamación dirixida ao Goberno central e Renfe para que rectifiquen as “inxustas decisións” que están a supoñer un “desprezo aos habitantes do interior de Galicia”, en tanto que o Ministerio de Transportes ten previsto adoptar a partir do 9 de xuño unha serie de medidas que afectarán aos usuarios do ferrocarril na estación da Gudiña-Porta de Galicia.
Con esta iniciativa, todos os grupos denuncian a eliminación de paradas do AVE na citada estación, a carencia de descontos nos billetes como si teñen outras terminais ou, como reclamación ante ADIF, que se solucionen as carencias de accesibilidade a este espazo.
Polo que respecta á supresión de servizos, a decisión do Ministerio de Transportes vai supoñer a perda de tres paradas do AVE, o que implica a desaparición do primeiro servizo matinal que ata hoxe permite chegar a Madrid ás 10.34 horas. A partir do 9 de xuño, os usuarios chegarán ás 14.08 horas. No caso de querer regresar no mesmo día o tempo de estancia na capital do Estado redúcese a catro horas, xa que o último tren de volta á Gudiña sairá ás 18.06 horas.
Na moción advírtese que o recorte de servizos afecta aos habitantes de sete comarcas: as ourensás de Monterrei, A Limia, Viana, Valdeorras, e ás portuguesas de Tras-Os-Montes, Chaves e Vila Real, engadindo ademais os prexuízos que provocará aos peregrinos que inician desde A Gudiña o camiño da Vía da Prata.
A iniciativa pon o foco tamén no feito de que a estación Porta de Galicia non parou de medrar en usuarios dende a súa inauguración en decembro de 2021. Desde aquela xa pasaron 107.400 viaxeiros por esta terminal, 38.600 durante 2024.
Xunto con horarios razoables nas paradas do AVE na Gudiña, o texto aprobado esta mañá pide que se apliquen todos os descontos que se fan noutras estacións de alta velocidade, situación que Renfe “nunca aclarou”.
Critica a moción o “desleixo” da estación por parte do Goberno central e ADIF, pedindo que se adopten medidas de accesibilidade, como a instalación dun ascensor que facilite a mobilidade ás persoas discapacitadas e como alternativa a unha rampla de preto de cen metros de lonxitude.
Protocolo con Medio Rural para a defensa contra incendios
No capítulo de asuntos de trámite, aprobouse unha modificación das bases de execución do actual orzamento da Deputación, referida ao protocolo de colaboración asinado coa Consellería de Medio Rural para prevención e defensa contra os incendios forestais, por importe de 1.550.000 euros.
Este cambio recolle o detalle dos beneficiarios das axudas á adquisición dun tractor novo e dúas rozadoiras, subvencións que en todos os casos teñen un valor de 100.000 euros. Os destinatarios son os concellos de Allariz, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, O Carballiño, Chandrexa de Queixa, Padrenda, Pobra de Trives, Verín, Vilardevós, Vilar de Santos, Xunqueira de Ambía e a mancomunidade de Santa Águeda.
Ademais aprobouse o orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento, por un importe superior a 5,6 millóns de euros.
Ordenanzas das escolas de Artes e Oficios, de Danza e de Gaitas
A orde do día incluía a modificación das ordenanzas das escolas provinciais de Artes e Oficios, de Danza e de Gaitas. Nos tres casos trátase de modificar o sistema de pagamento das matrículas, que será a través do modelo de autoliquidación -eliminando así o movemento de diñeiro en efectivo- nas entidades colaboradoras fixadas pola Deputación (bancos, oficinas de Correos ou pasarela de pagos da sede electrónica da propia institución provincial).
Entre os asuntos aprobados hoxe figuraba ademais a adhesión á Rede de Entidades Locais Gandeiro Cárnica, unha iniciativa da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) para defender e dar visibilidade ao sector gandeiro-cárnico, esencial para o desenvolvemento económico no rural, ademais de xogar un papel destacado na cohesión territorial. A Deputación de Ourense, con esta adhesión, recoñece e pon en valor o relevante peso que este sector ten na provincia.
Sinalar por último a cesión ao Concello de Leiro dun treito de algo máis dun quilómetro da estrada provincial OU-0301, entre San Clodio e Cenlle.
Prevención contra a afectación ao gando da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)
De volta ao capítulo de propostas, a Corporación aprobou unha iniciativa na que se esixen á Xunta de Galicia accións de prevención e mitigación en Ourense contra a previsible afectación ao gando da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Entre estas accións figura unha partida orzamentaria para indemnizacións, sexa por morte do animal ou polos tratamentos e servizos veterinarios. Tamén se pide subvencionar a vacinación voluntaria, sempre que así o indique o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), favorecendo así a inmunización da cabana gandeira ourensá e galega e un plan con medidas preventivas e formativas.
Defensa dos xulgados de paz
Na sesión acordouse, por outro lado, manifestar o apoio da Deputación de Ourense ao labor dos xuíces e secretarios dos xulgados de paz, en favor da proximidade da xustiza ao territorio e ás persoas. Pídese instar ao Goberno de España a promover a modificación da Lei Orgánica de Eficiencia Organizativa do Servizo Público de Xustiza para devolver aos xuíces de paz a intervención na celebración de matrimonios e manter todos os servizos, dotándoa da partida orzamentaria correspondente para desenvolver as súas funcións. Outra das peticións refírese á simplificación do proceso instaurado actualmente, que supón unha carga de traballo moito maior para os secretarios de xulgado de paz, a maioría persoal propio das administracións, lastrando os labores que facía, sen mellora das súas retribucións pese a asumir maiores competencias.
Censo provincial de bares e tabernas no rural
O pleno tamén deu o visto bo a unha proposta para a creación dun censo provincial de bares e tabernas rurais en concellos de menos de 1.500 habitantes; unha liña provincial de axudas para gastos correntes, pequenas reformas, a adaptación á normativa sanitaria, accesibilidade ou a mellora de equipamentos. Ademais, pídese á Xunta de Galicia unha estratexia de apoio integral á hostalaría rural e máis en concreto aos negocios en zonas de risco por despoboamento, recoñecendo o seu valor como servizos básicos no territorio en concellos de menos de 3.000 habitantes.
Gastos de xestión pola ABAU
Por último, o pleno aprobou unha solicitude á Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUGA) para que retire o concepto de “gastos de xestión” que inclúen os convenios para a celebración da ABAU, por consideralos inxustos, pouco transparentes e desproporcionados para os concellos rurais. Pídese á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional unha relación de gastos asociados á organización das probas de acceso á universidade tendo en consideración a realidade territorial e a capacidade económica dos concellos. Ínstase ademais á Deputación de Ourense a que medie entre a Xunta e os concellos, ademais dunha manifestación de apoio institucional da Deputación e o Concello de A Rúa, mostrándose contrarios ao novo custo e a prol da educación pública e accesible para toda a poboación da provincia.