A opinión das veciñas e veciños: “A banda do Carballiño herdanza que merece futuro”

Orixes históricas: bandas populares

A expansión das bandas de música en Galicia desde finais do século XIX está estreitamente vinculada ao asociacionismo cultural promovido tanto desde a base popular como polas institucións. Neste contexto, concellos, deputacións e entidades relixiosas comezaron a impulsar agrupacións musicais como instrumentos de formación cívica, acceso á cultura e integración comunitaria.

Grazas a ese impulso institucional —que incluíu subvencións, adquisición de instrumentos, cesións de espazos e apoio a directores musicais— moitas bandas foron constituídas como asociacións culturais legalmente recoñecidas, converténdose en referentes sociais e culturais nas súias localidades. A música deixou de ser un luxo urbano ou clerical e pasou a ser un ben compartido, presente en aldeas, vilas e parroquias de toda Galicia.

Un fenómeno sociocultural sen precedentes

Durante o século XX, as bandas de música consolidáronse como  estructuras fundamentais da vida cultural galega. Estiveron presentes en festas patronais, actos institucionais, procesións, romarías, certames e concertos didácticos. Alén da súa dimensión artística, convertéronse en espazos de socialización, formación e transmisión de valores colectivos.

Hoxe en día, Galicia conta con máis de 90 bandas federadas e milleiros de persoas implicadas: músicos, profesorado, alumnado, familias, técnicos e directivos. Estas agrupacións manteñen viva unha tradición profundamente enraizada no territorio e cun alto valor simbólico, educativo e emocional.

Recoñecemento oficial: informe do Observatorio da Cultura Galega

O Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega, publicou en xuño de 2021 un informe que certifica a relevancia social e educativa das bandas populares galegas. Entre os seus principais datos destacan:

  • Galicia conta con preto de 100 bandas activas, moitas con máis de 60 anos de historia.
  • Estas formacións implican a máis de 7.000 persoas
  • O 71,4% das bandas teñen escolas de música propias.
  • Galicia conta con 5 escolas públicas de  música  por  cada  100.000 habitantes, o dobre que a media estatal.
  • O 83,5% das bandas teñen persoal contratado.
  • A maioría das actuacións realízanse no ámbito local (90%) ou provincial (50%), o que amosa o seu forte enraizamento territorial.

Un modelo galego de formación musical pública e descentralizada

O movemento bandístico galego contribuíu de maneira decisiva ao desenvolvemento dun modelo singular de educación musical, baseado na formación pública, progresiva e próxima á cidadanía. Moitas bandas deron lugar ás primeiras escolas de música municipais, que posteriormente derivaron na creación de conservatorios profesionais municipais.

Galicia conta hoxe con 20 conservatorios municipais profesionais, moi por riba doutras comunidades autónomas. Estes centros ofrecen ensinanza regrada e constitún a principal canteira de músicos das bandas, creando unha relación bidireccional entre formación e práctica artística.

Este modelo fixo posible que centos de músicos formados en bandas accederan a estudos superiores, orquestras profesionais ou ao ensino musical, consolidando un tecido musical galego de grande calidade e diversidade.

As bandas como espazo de aprendizaxe, identidade colectiva

As bandas de música son tamén escolas de valores: traballo en equipo, disciplina, compromiso, cooperación entre xeracións e respecto mutuo. En moitas vilas e parroquias, son o principal dinamizador cultural, ofrecendo concertos, colaborando con asociacións locais e mantendo vivo o patrimonio musical de Galicia.

Funcionan como espazos de socialización e integración, nos que participan persoas de diferentes idades, formacións e procedencias, unidas polo obxectivo común de facer música ao servizo da comunidade.

Exemplos vivos: continuidade e renovación

Varios casos exemplares ilustran o vigor e a diversidade do movemento bandístico en Galicia:

  • A Banda de Música de Lalín, con máis de 150 anos de historia, mantén unha escola activa e unha programación estable, sendo un referente da provincia de Pontevedra.
  • A Banda de Música de Ortigueira, cunha longa traxectoria, representa á comarca en festivais e certames dentro e fóra de Galicia.
  • A Banda de Música La Lira de Ribadavia, fundada en 1849, é unha das máis antigas de Galicia. A súa escola de música e a implicación continuada das familias convertérona nunha institución clave no Ribeiro.
  • A Banda de Música de Vilatuxe, parroquia do concello de Lalín, demostra que mesmo no medio rural se poden manter proxectos musicais de alto nivel. Con formación xuvenil activa e participación constante en eventos culturais, é un modelo de continuidade e innovación.
  • A Banda do Concello de Boborás, de recente creación, incorporouse con rapidez ao circuíto comarcal, mostrando que o interese pola música popular segue vivo nas novas xeracións.
Cuarteto de músicos titulados no conservatorio profesional do Carballiño

Un caso preocupante: a inactividade da Banda Escola de Música do Carballiño

No medio deste panorama positivo de vitalidade e expansión do movemento bandístico galego, o caso da Banda Escola de Música de Carballiño destaca tristemente como unha excepción preocupante. Con máis dun século de historia, esta formación tivo un papel esencial na vida cultural e educativa da vila e da comarca, actuando como agrupación oficial en eventos institucionais, festivos e relixiosos, e ao mesmo tempo como espazo de formación práctica para o alumnado do Conservatorio Profesional Municipal.

Durante décadas, a banda mantivose activa grazas ao esforzo voluntario dos seus compoñentes e ao apoio do Concello, que financiaba parte das súias actividades a cambio de actuacións e ofrecía remuneración ao director. A súa estrutura estaba fortemente vinculada ao Conservatorio: a maior parte dos músicos procedía del, e a participación na banda ofrecía ao alumnado unha formación esencial en música de conxunto, complementando a formación instrumental individual.

Porén, desde 2019 —co último concerto celebrado nas festas de San Cibrao— a banda permanece inactiva. As causas desta parálise son múltiples e interconectadas:

  • A falta de renovación xeracional na familia de vento madeira e vento metal, sen alumnado novo en especialidades clave como saxofón clarinete, tuba ou bombardino.
  • A desaparición case total da canteira de músicos procedentes do conservatorio municipal, que tradicionalmente nutría a formación.
  • A descompensación grave na oferta educativa, con máis de 100 matrículas concentradas en piano e percusión (especialmente batucada), fronte a matrículas testemuñais ou inexistentes en instrumentos de banda.
  • A ausencia total de instrumentos de vento no inventario do centro, o que supón un impedimento material para a aprendizaxe e a práctica destas especialidades.
  • A falta de representación docente das familias de vento nos órganos de goberno do Conservatorio, tanto na dirección como no Consello Escolar, o que limita a capacidade de planificación estratéxica e defensa destas disciplinas.

A situación é tan crítica que, no curso actual, non hai ningún alumno matriculado en tuba, bombardino nin saxofón en grao profesional , e só existe unha matrícula de clarinete . Confirmase un proceso de esgotamento paulatino do proxecto educativo a medio prazo.

Actuación da Banda de Carballio no Marañao 2014

Esta realidade contrasta fortemente co dinamismo doutras localidades veciñas, onde se manteñen bandas activas, escolas funcionais e participación xuvenil sostida. O caso do Carballiño non responde a unha falta de interese social pola música, senón a un desequilibrio profundo na estrutura e orientación da ensinanza musical pública, que non está a favorecer a diversidade instrumental nin o relevo xeracional.

A inactividade da Banda Escola de Música de Carballiño é, polo tanto, un síntoma dunha crise educativa e cultural máis ampla, que require unha resposta institucional seria e planificada.

É urxente establecer medidas de:

  • Captación de alumnado para as familias de vento, con campañas específicas e actividades abertas á comunidade.
  • Dotación de instrumentos de vento no conservatorio municipal.
  • Reequilibrio do cadro docente, garantindo representación e peso específico das especialidades de banda.
  • Impulso á práctica de conxunto como parte esencial da formación musical.
  • Restauración do proxecto artístico e social da banda, recoñecendo o seu valor como patrimonio vivo da vila.

A desaparición desta banda centenaria, sen medidas correctoras, non sería só unha perda artística, senón tamén educativa, emocional e simbólica para o Carballiño e a súa comarca. Porque unha banda que cala non é só un grupo que deixa de tocar: é un pobo que perde unha parte da súa voz e da súa alma.

Unha herdanza que merece futuro

As bandas de música populares galegas son parte esencial do noso patrimonio cultural inmaterial. Naceron da forza do asociacionismo e do compromiso colectivo, medraron grazas ao apoio institucional e á educación musical pública, e seguiron vivas polo esforzo de milleiros de persoas.

Son espazos de formación, emoción e identidade, que nos conectan coa historia, pero tamén co futuro. A súa supervivencia require coidado, investimento e políticas activas que garantan diversidade instrumental, renovación xeracional e acceso universal á formación musical.

Banda do Carballiño década 2010-2020

Delio Pousa Rodríguez

Presidente da Anpa do Conservatorio do Carballiño. Xuño 2025

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------