Axentes da policía autonómica e da unidade de investigación de incendios forestais esclarecen dous lumes que tiveron lugar en Ourense e Esgos

IES CHAMOSO LAMAS

Un varón foi investigado por realizar unha queima sen tomar as debidas medidas de seguridade, e outro, pola propagación do lume orixinado por un afumador que estaba a empregar para mantemento das colmeas

Axentes do Grupo de Investigación da Unidade de Policía Autonómica de Ourense, en colaboración con axentes medioambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural esclareceron dous incendios que tiveron lugar nos concellos de Ourense e de Esgos o pasado mes de febreiro.

HIPER MASIDE

No caso de Ourense, o incendio tivo lugar o pasado día 25 no lugar de Requeixo, na parroquia de Canedo, co resultado de 1,08 hectáreas de superficie afectadas. No transcurso da investigación declarou un varón como presunto autor do lume, xa que estaba a realizar unha queima sen as debidas medidas de seguridade, o que provocou que o lume se propagara polas parcelas lindeiras ao lugar no que se atopaba.

Para a extinción do incendio empregáronse catro motobombas, un helicóptero e dous avións, e nos labores participaron tres axentes e seis brigadas.

No caso de Esgos, o incendio tivo lugar no lugar do Regueiro o 22 de febreiro e calcinou 0,08 hectáreas de superficie. O lume orixinouse polos restos de combustible empregado nun afumador para o mantemento das colmeas, o que deu lugar a que se propagase polas parcelas lindeiras.  

Na extinción do lume participou un axente da Policía Autonómica, dous axentes, dúas brigadas, un helicóptero e dúas motobombas.

As dilixencias de ámbalas dúas intervencións foron remitidas ao Xulgado de Instrución de garda en Ourense.

Nesta campaña anti-incendios forestais do 2022, un total de 8 persoas foron detidas/ investigadas pola Policía da Xunta de Galicia como presuntas autoras de incendios forestais.