O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe estes dous centros educativos para presentar este programa de divulgación dos oficios artesanais
Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019, é a protagonista da unidade didáctica “Eu son zoqueira”, impartida en colexios de toda Galicia
Coles (Ourense), 18 de xuño de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá o CEIP Plurilingüe Antonio Faílde de Cambeo, no concello ourensán de Coles, e o CEIP Carmen García Carrasco, en Cenlle, nunha nova xornada do programa Artesanía na Escola, enfocado na divulgación e posta en valor dos oficios artesanais entre os escolares de toda Galicia. Alén e Fabeiro acompañaron á zoqueira Elena Ferro, protagonista dunha das unidades didácticas deste programa – Eu son zoqueira-, e que realizou unha demostración do seu oficio e falou da importancia deste calzado tradicional ao longo da historia.
Artesanía na escola consiste en diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais e nas que se inclúen unha unidade didáctica en papel que se lle envía aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar cos alumnos. Cada unidade didáctica fala dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa.
En concreto, Eu son zoqueira está centrada no oficio da elaboración tradicional de zocos a través da figura de Elena Ferro, responsable de Eferro (Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo dende o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.
Divulgación dos oficios artesáns aos máis novos
Este programa impulsado pola Xunta desde o ano pasado, busca presentarlle aos máis pequenos os oficios artesanais como unha profesión de futuro e co que se contribúe a concienciar sobre o valor do produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia.
Os obxectivos de Artesanía na Escola son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e á economía circular; e por último, a longo prazo, abordar a remuda xeracional.
Neste ano estase a levar tamén aos centros de ensino a segunda das unidades didácticas do programa —Eu son artesán de percusión tradicional, dedicada á elaboración de pandeiretas a través do artesán Xosé Manuel Sanín—, e estase a traballar xa noutras unidades centradas na ourivería compostelá, na cerámica ou na cestería, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa.