O BNG organiza mañá en Leiro un acto público para alertar dos riscos da mina de Doade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“O que a mina cala: riscos para a terra, a auga e a xente” é o título do acto informativo organizado polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Leiro, que terá lugar mañá venres, día 20, ás 20,00 horas, no Centro Civico de Leiro. O encontro busca informar á veciñanza sobre os graves impactos ambientais e sociais do proxecto mineiro de litio previsto en Beariz, promovido pola empresa Recursos Minerales de Galicia, filial do Grupo SAMCA.

No acto intervirán Fins Eirexas, do colectivo ecoloxista ADEGA, e Noa Presas e Xosé Manuel Golpe, deputados do BNG no Parlamento de Galiza. Dende o BNG denuncian que a megamina supón “un modelo de espolio colonial dos recursos naturais da Galiza, sen beneficios reais para o territorio e ao servizo da industria tecnolóxica e militar europea”.

Advirten tamén do impacto ambiental irreversíbel, con vertidos ao río Doade (afluente do Avia e do Miño), e da afección directa á Rede Natura 2000. Lembran que a Xunta xa paralizou o proxecto en 2020 por graves deficiencias ambientais, e cualifican o novo estudo presentado pola empresa como “insuficiente, sen garantías nin rigor científico”.

Con este acto público, o BNG fai un chamamento á mobilización social en defensa da terra, da auga e do futuro da comarca do Ribeiro e dos ríos Avia e Miño.