No contexto do Verán Cultural de Sandiás 2025, terá lugar a exposición de pintura “Versos Brancos” da parella artística formada polo artista plástico Xose Eladio e a pintora e poeta Rochi Nóvoa. Ambos expoñerán unha selección das súas pinturas organizadas ao redor dun eixo temático que nos permite mergullárnos no universo creativo dos dous artistas. “Versos brancos” prentende ser un diálogo artístico onde luz, palabra e emoción conflúen nunha mostra única que ofrece ao público un percorrido por preto de medio centenar de obras dos artistas cargadas de sensibilidade que abren novas paisaxes para os sentidos.
A inauguración será o venres 27 de xuño ás 20:30 h na sala de exposicións da Casa de Cultura do Concello de Sandiás, e contará cun recital musical protagonizado pola propia Rochi Nóvoa, acompañada por Daniel Soldevilla, artista multidisciplinar con sólida traxectoria literaria e musical que abarca un espectro sonoro moi diverso como o rock and roll, country, blus, pop, música electrónica e cuxas melodías servirán de fío emocional para as obras expostas.
Tamen participará Armando González, cantautor e cuxa obra poética foi levada tamén a música polo que reflicte a capacidade de conectar a poesía coa música, ampliando así o alcance e a emoción dos seus textos e levando na voz a dignidade do pobo e a beleza da vida. En definitiva, pintura, música e poesía nunha mestura perfecta, acompañada de bo viño do Ribeiro, petiscos e boa compaña. “Versos brancos”, agarda por vós ¡
A exposición estará dispoñible até o 31 de Xullo de martes a domingo entre as 16.00 h e as 20.00 h.