A Xunta destina máis de 1m€ a entidades da provincia de Ourense para a formación de 500 persoas desempregadas a través de 5 programas integrados de emprego

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O delegado territorial da Xunta anuncioullo esta mañá á presidenta da Asociación de familiares de alzhéimer de Ourense (Afaor)

COMERCIAL ORCELLÓN
  • O delegado territorial destacou  que en cada un dos PIE tomarán parte 100 persoas desempregadas, cun mínimo do 35% de inserción no mercado laboral durante a duración do proxecto
  • A Xunta fixa como destinatarias prioritarias dos programas, entre outros colectivos, as persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30, maiores de 45 anos, inmigrantes ou parados de longa duración
  • A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste na convocatoria 2024-2025 un orzamento de preto dos 12 M€, tralo incremento de máis de 1,7 M€ publicado o pasado 29 de outubro, co obxecto de beneficiar a unhas 5.800 persoas desempregadas

Ourense, 26 de xuño de 2025.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou no acto de posta en valor do Programa Integrado de Emprego (PIE) levado a cabo pola Asociación de familiares de alzhéimer de Ourense (Afaor). En total, 220.000 euros, na vixente convocatoria 2024-2025, para formar a un cento de persoas desempregadas entre os que se atopaban persoas con discapacidade, menores de 30 anos ou mulleres e que recibiron os correspondentes diplomas acreditativos.

O delegado territorial explicou que, no marco do PIE de Afaor, estas persoas participantes reciben información, orientación e asesoramento, contidos arredor de diversas actividades que inclúen entrevistas de orientación individual, talleres grupais sobre desenvolvemento persoal, coaching, mentoring, elaboración de currículos, estratexias para afrontar entrevistas de traballo, emprendemento, entre outros aspectos relevantes. Ademais, os participantes obteñen formación especializada do SEPE, abarcando itinerarios en sectores sanitario e sociosanitario, animación sociocultural, así como formación transversal en limpeza, empregos verdes ou dixitais.

Tal e como explicou Manuel Pardo, o obxectivo deste programa é que un mínimo do 35% do total das participantes atope traballo ao final da súa formación, aínda que como lembrou, xa se superou esta cifra en pasadas edicións.

O representante do Goberno galego lembrou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou a entidades da provincia de Ourense máis dun millón de euros para o desenvolvemento de cinco iniciativas que favorecerán as oportunidades laborais de 500 persoas sen traballo.

Con estas achegas, a Xunta prima, entre outros, os proxectos innovadores en relación co perfil dos colectivos aos que se dirixen e os que se caractericen pola utilización de novas tecnoloxías ou pola existencia de medidas de conciliación da vida familiar e laboral. Tamén valora a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio onde se levará a cabo o programa co fin de mellorar a ocupación da cidadanía galega.

Todas elas recibiron formación para o emprego e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas (teñen que realizar estas prácticas un mínimo de 15 persoas) en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas e co fin de incrementar a súa inserción laboral. Durante todo o proceso, o alumnado recibe orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal para o efecto. Tamén se lles proporciona técnicas de motivación para o emprego e intelixencia emocional, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Colectivos prioritarios

A Xunta trata como colectivos prioritarios a atender por medio dos programas integrados de emprego as persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas migrantes cunha autorización de residencia temporal por motivo de arraigamento para a formación, persoas menores de 30 anos cualificadas, persoas maiores de 45 anos, persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo presentado nos 12 meses anteriores, persoas desempregadas de longa duración, persoas inmigrantes e mulleres.

Ademais, como en anteriores convocatorias, resérvanse dous millóns de euros do global do presuposto para o financiamento de programas dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas, co obxecto de que reciban atención específica para a súa incorporación ao mercado laboral.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste na convocatoria 2024-2025 un orzamento de preto dos 12 M€, tralo incremento de máis de 1,7 M€ publicado o pasado 29 de outubro, co obxecto de beneficiar a unhas 5.800 persoas desempregadas que recibirán información, orientación, asesoramento e formación para incrementar a súa inserción laboral a través dos distintos Programas Integrados de Emprego.

Programa Integrado de Emprego

Un Programa Integrado de Emprego (PIE) constitúe unha iniciativa integral da Xunta de Galicia destinada a abordar diversos aspectos relacionados co emprego e o mercado laboral. O seu obxectivo principal radica en mellorar a empregabilidade da poboación, facilitar a inserción laboral e fomentar o desenvolvemento económico. A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR) é un centro de formación para o emprego acreditado desde 2021 pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e forma parte activa das políticas para o fomento do emprego digno na nosa comunidade autónoma.

Desde entón e ata a actualidade, momento no que se atopan desenvolvendo o seu terceiro programa de inserción sociolaboral, xa son 400 as persoas formadas ao amparo das liñas promotoras do emprego por parte das administracións autonómica e estatal.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------