Ambas formacións denuncian que Barreal está “pisoteando” a obriga legal de transparencia que teñen os executivos municipais, á hora de dar respostas tanto a oposición, como á cidadanía, de temas sobre os que se require información
“Estamos ante un claro acto de desesperación do rexedor por ocultar uns gastos das arcas municipais que van directamente ao seu peto e que amosan que Barreal segue ao fronte do concello co obxectivo de facer cartos”, critican Juan Ramón Álvarez e Jorge Lorenzo
Ambas formacións políticas fan fincapé en que tomaron a decisión de acudir ao Valedor do Pobo co obxectivo de que “medie e poder deste xeito obter respostas a todas as cuestións presentadas” e apuntan a que “queremos coñecer cal é a xestión do alcalde”
Laza, 9 de xullo de 2025. O PSdeG-PSOE de Laza e Xuntos por Laza -Interior Galego Vivo denuncian ante o Valedor do Pobo unha “trama” do alcalde, José Ramón Barreal, consistente na “ocultación” de información á oposición, relativa a gastos de quilometraxe, peaxes e aparcamentos por parte do rexedor. Ambas formacións denuncian que Barreal está “pisoteando” a obriga legal de transparencia que teñen os executivos municipais, á hora de dar respostas tanto a oposición, como á cidadanía, de temas sobre os que se require información.
PSdeG-PSOE e Xuntos por Laza explican que “tomamos a decisión de acudir ao Valedor do Pobo ante as continuas negativas do alcalde de Laza a contestar as nosas preguntas e escritos reclamando información de vital importancia para a veciñanza, pois afecta a economía do municipio”. Sinalan que “a día de hoxe temos pendente de resposta varias preguntas dos anos 2023, 2024, 2025 en relación a ingresos do alcalde por quilometraxes, peaxes e aparcamentos”.
“Estamos ante un claro acto de desesperación do rexedor por ocultar uns gastos das arcas municipais que van directamente ao seu peto e que amosan que Barreal segue ao fronte do concello co obxectivo de facer cartos a costa da veciñanza de Laza”, critican os voceiros da oposición Juan Ramón Álvarez e Jorge Lorenzo. Ambos coinciden ao afirmar que “temos un alcalde que incumpre de xeito constante e flagrante a lei de bases de réxime local, impedindo a labor de fiscalización da oposición e ocultando información de vital importancia para a veciñanza”.
Álvarez e Lorenzo subliñan que José Ramón Barreal “xa deixou claro no seu día que non viña a política para perder cartos, e así o está demostrando, cun saqueo constante das arcas municipais para obter un sobresoldo a súa pensión, camuflando estes ingresos en gastos varios”. Uns gastos que tal e como destacan os voceiros da oposición “non están sendo debidamente intervidos pola secretaría municipal”. PSdeG-PSOE e Xuntos por Laza anuncian ademais que “non cesaremos no noso empeño por obter respostas e seguiremos esixindo responsabilidades e transparencia total na xestión municipal”.
“O escurantismo co que actúa o actual alcalde de Laza e o seu equipo de goberno é inaudito nunha administración pública”, denuncian Juan Ramón Álvarez e Jorge Lorenzo. Ambos voceiros tamén critican que dende o inicio do mandato “estamos ante un bloqueo permanente á oposición, no relativo as xuntas de goberno, os requirimentos de información ou os gastos que o alcalde fai a costa das arcas municipais”.
Ambas formacións políticas fan fincapé en que tomaron a decisión de acudir ao Valedor do Pobo co obxectivo de que “medie e poder deste xeito obter respostas a todas as cuestións presentadas” e apuntan a que “queremos coñecer cal é a xestión do alcalde, como nos leva enganando todo este tempo e así poder tomar medidas antes do fin do mandato”. PSdeG-PSOE de Laza e Xuntos Por Laza – Interior Galego Vivo finalizan afirmando que “este non é só un problema de transparencia, é un problema de ocultación, que deixa claro que hai algo máis detrás de todo isto que a veciñanza e a oposición non poden saber”.