O PSOE de Leiro debe ter acceso á documentación do Concello, según dictamina a Valedora do Pobo 

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Leiro informa que a Valedora do Pobo vén de responder ao escrito presentado polo grupo municipal socialista, dándolle a razón na súa reclamación de acceso á documentación. As e os socialistas presentaron o pasado 13 de xuño un escrito de queixa por mor da “demora, opacidade e dificultades” postas polo alcalde do municipio, Francisco José Fernández, a hora de facilitar o acceso a expedientes, datos e información solicitados para a fiscalización da súa xestión.

COMERCIAL ORCELLÓN

Dende o grupo municipal socialista explican que “non é a primeira vez que nos vemos obrigados a recorrer a Valedora do Pobo ante o bloqueo e as limitacións que o rexedor impón á hora de que accedamos á documentación municipal”. No seu escrito, a Valedora do Pobo considera que o dereito de acceso á información dos concelleiros “é parte esencial do dereito fundamental de participación política, e que o concello de Leiro debe facilitar os accesos a información de forma máis ampla, permitindo o acceso electrónico aos expedientes e non limitándoo unicamente a un día e hora presencial”.

O concelleiro socialista, Manuel Rodríguez Vázquez, lembra que a implantación da administración electrónica “permite que os expedientes se consulten de forma telemática en calquera momento, sen xerar cargas innecesarias, nin escusas para bloquear o control democrático, como se viña producindo ata agora coa limitación de horarios e a falta de notificacións electrónicas”. O pronunciamento recoñece que os concelleiros teñen dereito a un acceso áxil e efectivo á documentación municipal e así exercer a súa función de control e fiscalización, garantindo o principio de transparencia e bo goberno.

“Esta resolución da Valedora do Pobo é unha vitoria de toda a veciñanza de Leiro que quere un concello transparente e accesible”, destaca Manuel Rodríguez. Neste senso tamén subliña que “non pedimos privilexios, pedimos poder exercer os dereitos dos que dispomos para fiscalizar a acción do goberno municipal e garantir o bo uso dos recursos públicos”.

Dende o PSdeG-PSOE de Leiro instan ao alcalde a que acepte de “inmediato” esta suxestión da Valedora do Pobo e implante de forma “efectiva” o acceso electrónico á documentación municipal, poñendo fin ás trabas da labor democrática de control da oposición.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------