Espazo Común vén de criticar nun comunicado de prensa “a nefasta xestión” do goberno municipal (PSOE e PP) do Carballiño, que, según este grupo da oposición, quedou en evidencia ao comprobar as tarefas de limpeza viaria tra-la celebración do Entroido de Verán, que congregou a miles de persoas este pasado sábado, 12 de xullo.
Concretamente, apuntan á data do día seguinte, domingo 13, cando “todo o dispositivo de limpeza consistíu en tres operarios, dous con vasoira e un cun simple soprador de man”. Dende Espazo Común apuntan que “estes tres traballadores non serían suficientes nin sendo superheroes de Marvel, polo que non procede máis ca pedir explicacións aos irresponsables gobernantes que gastan ese diñeiral dos cartos de todos e, aínda así, non son capaces de garantir un servizo de calidade”.
Neste sentido, o grupo político da oposición lembra que hai un par de meses púxose en marcha por parte da Concellería de Servizos Públicos o novo servizo de limpeza viaria, que foi adxudicado por un montante superior aos 350.000 euros anuais, e presentado públicamente. “Nada máis lonxe da realidade, a foto resultou ser unha fantasía máis e toda aquela maquinaria coa que se retrataron na Praza Maior nunca máis se voltou a ver polas rúas”, aseguran dende Espazo Común.
Sen embargo, dende o goberno local aseguran que en Espazo Común “non se enteran” do traballo desenvolto polo servizo municipal de limpeza viaria a pasada fin de semana. Ao respecto, a concelleira de Espazos Públicos, Rosa Fuentes, lémbralles que “tanto nas festas coma noutros eventos, o noso departamento está coordinado para que toda a plantilla de operarios da limpeza esté disponible e traballando”. E engade, respecto do Entroido de Verán, que “este sábado pasado, unha vez rematado o evento, ademais de varrer rúas e prazas, tamén se efectuou o baldeo das zonas onde houbo máis concentración de xente e xuventude, coma foi o caso da Eira de Flores, a praza traseira da Casa do Concello ou a rúa Os Canteiros e a Praza da Veracruz, entre outras”.