O Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas da Deputación converterá a Manzaneda no epicentro da cultura popular e a tradición oral

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández e o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo, presentaron hoxe o programa da XVI edición deste evento que se celebrará os días 26 e 27 de xullo

O certame comezará o sábado 26 co VIII Serán de Seitura de Manzaneda que pon en valor os cantos tradicionais, e co Festival Noite Celta que traerá numerosas actuacións de bandas de gaitas e grupos á Estación de Montaña

“Trátase dun dos grandes eventos culturais e de dinamización territorial da provincia”, salientou César Fernández

Ourense, 21 de xullo de 2025.

O XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas converterá a Manzaneda na capital mundial da música tradicional galega os días 26 e 27 de xullo, reunindo a máis de 300 músicos de toda Galicia. O programa do certame foi presentado esta mañá no Pazo Provincial polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; e o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo.

César Fernández definiu o certame como “un dos grandes eventos culturais e de dinamización territorial” da provincia, poñendo en valor a “aposta decidida” da Deputación de Ourense pola cultura como eixo estratéxico deste mandato. Ademais, destacou a “posta en valor” da Estación de Montaña de Manzaneda ao acoller este evento, converténdose así “no epicentro da tradición e da música popular que configuran a nosa identidade”.

Pola súa parte, o alcalde de Manzaneda agradeceu o apoio da Deputación e da Xunta con este evento que leva “preto de 30 anos celebrándose en Manzaneda baixo distintos nomes”. Ademais, tivo palabras de lembranza para Jacinta Fernández Alonso, “doña Jacinta”, cantareira falecida recentemente e que se homenaxeará de xeito póstumo durante o certame.

Foxo explicou que este evento naceu “fai case 7 lustros coa filosofía de ser un elemento didáctico para que o alumnado traballase a súa posta en escena” e subliñou a “importancia cultural” do certame, xa que “é un xeito de preservar os nosos cánticos e manter o rural”.

Programación

O programa do sábado comezará co VIII Serán da Seitura de Manzaneda- Memorial Ludivina Pérez, ás 19.30 horas na praza da Igualdade. Trátase dun foro para poñer en valor os cantos tradicionais das Terras de Manzaneda e Trives. Ademais de actuacións dunha ducia de cantareiras e cantores, nesta xornada será a homenaxe póstuma a Jacinta.

Posteriormente, o Festival Noite Celta pechará esta xornada chea de música tradicional na contorna da Estación de Montaña, a partir das 23.00 horas, con numerosas actuación de Bandas de Gaitas e grupos.

A fase final do XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas será o domingo 27, a partir das 11.30 horas no campo de competicións de Cabeza de Manzaneda, na memoria de Gabino García quen conxuntamente con Xosé Lois Foxo, impulsaron o Certame.  No evento participarán máis de trescentos gaiteiros con bandas de toda Galicia. As distintas seccións do Certame complétanse con campionatos de gaiteiros solistas e bastóns de mando.

O gran espectáculo pecharase coa actuación conxunta das bandas interpretado o Himno do Antergo Reino de Galicia.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------