O grupo municipal de Ribeiro en Común reitera a súa demanda ante o Concello de Ribadavia para a construción dun paso peonil que permita o paso da veciñanza na ponte existente sobre o ferrocarril na estrada OU-406 na localidade de San Paio, aproveitando que a Xunta de Galicia está a realizar unha obra de mellora nese tramo.
O voceiro desta formación política, Brais Fidalgo, apunta que “o noso grupo solicitou o proxecto desta obra da Xunta no Concello, e a resposta recibida foi que non existía dito proxecto xa que a Xunta non enviou nin informou ao Concello desta obra”. Lembra tamén que “desde setembro de 2016, hai case nove anos, vimos demandando maior seguridade viaria neste tramo da estrada autonómica OU-406 entre Valdepereira e Ribadavia, na parroquia de San Paio”.
Unha petición que fixeron en varios plenos da Corporación dende a oposición e tamén dende o goberno de coalición, e tamén en xuntanzas celebradas na Casa do Concello con directivos de ADIF, no ano 2021, e con técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) en 2022. “A pesar dos compromisos adquiridos polo Concello con estas administracións non se concretou en feitos tanxibles na mellora da seguridade”, subliña Brais Fidalgo.
E tendo en conta que neste mes a AXI comezou a obra de creación dun paseo na beira da estrada, “moi necesario e que protexe a viandantes do tránsito de coches, sen embargo, semella que esta mellora remata na ponte que se eleva sobre o ferrocarril, non contemplando un paso sobre a vía do tren, o que fai incompleta e ineficaz a mellora”, manifestan dende Ribeiro en Común.
“Polo tanto, o noso grupo considera que é agora cando o Pleno de Ribadavia debe volver a reclamarlle a AXI da Xunta a creación dun paseo peonil completo na beira da vía que inclúa o tramo na ponte sobre a vía do ferrocarril, coa instalación dun paso nesta estrada autonómica”, indica Brais Fidalgo, unha obra necesaria para a que “tamén demandamos a colaboración e participación de ADIF”. Por este motivo, Ribeiro en Común traslada de novo esta petición ao Pleno da Corporación, que se celebrará a finais deste mes de xullo.