Llácer, Eliseo, Dani González e Brais Val chegan a C.D. Arenteiro “co reto de seguir crecendo como equipo”

A sala de prensa do estadio de Espiñedo acollía na mañá de hoxe a presentación dos novos xogadores Llácer, Eliseo, Dani González e Brais como futbolistas de Club Deportivo Arenteiro. Acompañados polo director deportivo da entidade, Joan Farías, asumen responsabilizados o reto de seguir crecendo xunto cun equipo cargado de ilusión e obxectivos, cara a afrontar a nova tempada (2025-2026) na categoría da Primeira RFEF.

Destacamos unha parte das declaracións realizadas polas catro novas fichaxes do equipo nesta comparecencia ante os medios. Así Brais Val subliñou que “Sobre a miña volta a Galicia, cando se dá a posibilidade, tras un ano difícil, volver a casa nun equipo que o fai tan ben coma o Arenteiro é algo que me ilusiona moito. É un club con intencións de crecer dentro da súa orde e rigor”.

Outro dos xogadores, Dani González, apuntou que: “Estou mentalizado de saír da zona de confort e por iso saín de casa. Creo que é o paso que debía dar na miña carreira. Móvome ben no centro do campo e creo que teño a virtude de que me podo adaptar a calquera posición. O gol téñoo desde sempre. O ano pasado fixen moitos e espero poder sumar nese aspecto”.


Pola súa banda, Llacer comentou que “A xente que fai as cousas ben aquí, ten oportunidade de tirar para arriba. Este ano vai seguir a liña, non deixaremos de ser ambiciosos e buscaremos cumprir o obxectivo canto antes. Son defensor pero gústame xogar en ataque, chegar arriba pero sen esquecer que somos defensas. Tento sumar en todas as facetas do xogo”.

Eliseo Falcón manifestou que “A proposta desde o principio foi ambiciosa, e creo que foi unha gran elección chegar aquí. Considérome un bó defensor de área, alguén que pode achegar ao equipo desde a experiencia”. Engadíu que “a idea do equipo, do club e da xente fixo que esta opción sexa moi boa para que o xogador creza e mellore”.

Finalmente, o novo director deportivo de C.D. Arenteiro, Joan Farías, expuxo que: “Estamos tranquilos, estamos a traballar para pulir moitas cousas. A pretemporada serve para condicionar físicamente, e preparar ao bloque en todos os sentidos. Temos moito por facer, pero xa contamos cun equipo amplo, hai outros equipos con moitos menos xogadores”. “Seguimos mirando opcións e completaremos o equipo segundo o planeado”, concluíu.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------