O lume xa queimou máis de 3.000 hectáreas na comarca do Ribeiro e 60.000 na provincia de Ourense

Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME). A situación dos lumes, con datos das 9,00 horas desta mañá é a seguinte:

ACTIVOS

Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos

O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. O xoves 14, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do luns 11 e o cal se iniciou o domingo 10 ás 17.30 horas

Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 17.500 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 130 axentes, 157 brigadas, 98 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 22 helicópteros e 21 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.000 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 88 axentes, 131 brigadas, 79 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín

O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 12.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza e Trasmiras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 91 axentes, 127 brigadas, 82 motobombas, 4 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo A Mezquita-A Esculqueira

Desde as 09.42 horas do martes 12 está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 6 técnicos, 29 axentes, 32 brigadas, 30 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 4 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Activo Vilardevós-Vilar de Cervos

Está activo desde o mércores 13 ás 18.09 horas o incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 18 axentes, 13 brigadas, 14 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.

Activo Vilardevós-Moialde

Na tarde do xoves 14 reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns 11. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 500 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 21 axentes, 35 brigadas, 20 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.

Activo Vilardevós-Fumaces e a Trepa

Activo desde as 17.41 horas do xoves o incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.

Activo Larouco-Seadur

Desde as 18.55 do mércores 13 está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 15.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Petín, Quiroga, A Rúa, Vilarmartín de Valdeorras, Rubiá e O Barco de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 27 técnicos, 84 axentes, 110 brigadas, 94 motobombas, 10 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 9 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas

O venres ás 16.38 horas iniciouse o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só lume, que permanece activo e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 3.000 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 39 axentes, 63 brigadas, 39 motobombas, 4 pas, 8 helicópteros e 11 avións.

ESTABILIZADOS

Estabilizado San Cibrao das Viñas-Rante

Estabilizado desde ás 01.24 horas o incendio iniciado o pasado sábado ás 14.30 horas no concello de San Cibrao das Viñas, que segundo as últimas estimacións supera as 60 hectáreas. Na súa extinción participaron, de xeito acumulado, 1 técnico, 11 axentes, 25 brigadas, 16 motobombas, 2 helicópteros e 4 avións.

Estabilizado Montederramo-Paredes

Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes 12 o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.

CONTROLADOS

Controlado Verín-Mourazos

Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes 12, o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------