Espazo Común plantexa un debate plenario para a mellora da xestión dos recursos municipais no Carballiño

Os cinco concelleiros do grupo municipal de Espazo Común veñen de rexistrar a solicitude dun pleno extraordinario da Corporación do Carballiño para tratar en profundidade a situación municipal área por área e aportar propostas que a melloren sustancialmente. Apuntan que “máis dun ano despois do pacto PP-PSOE a veciñanza vé como as promesas feitas para xustificar tal astracanada eran só fume para que as rodas de muíño foran dixeridas con maior facilidade. Pero a estas alturas, xa só os máis enfervorizados “fans” destes partidos son quen de defender que este arranxo foi polo ben do Carballiño. As evidencias do desastre son demasiadas”. Engaden que “aí radica a intención de Espazo Común á hora de solicitar este pleno: aportar melloras, ideas, propostas que axuden a optimizar os recursos municipais e que os servizos que reciben os cidadáns deste concello deixen de ser un desastre pagado a prezo de ouro”.

A orde do día proposta por Espazo Común contempla o tratamento diferenciado de catro mocións, sendo a primeira relativa a economía, funcionamento interno, transparencia e participación cidadá. Nela solicitan a convocatoria do Consello de Participación Cidadá no vindeiro mes para facilitar toda a infomación que este demande sobre o funcionamento municipal e o compromiso de contar con este na elaboración de futuros orzamentos; a actualización do Inventario Municipal de Bens; a elaboración dun plan de remunicipalización de servizos que remate coa febre privatizadora dos últimos anos; a entrega de toda a documentación legalmente solicitada pola oposición no prazo de 15 días ou a certeza de que esta terá que ser entregada a través do xulgado; a entrega aos voceiros da corporación da documentación solicitada dende hai anos sobre a situación do Asilo dos Irmáns Prieto; a publicación no Portal de Transparencia conforme a lei determina de toda a información sobre as contratacións feitas polo Concello: a convocatoria dunha xuntanza cos diferentes colectivos da vila para tratar a cuestión das subvencións de xeito participativo; a eliminación da entrevista como elemento puntuable nas contratacións de persoal e unha reunión dos grupos da Corporación cos membros do Grupo Municipal de Emerxencias para reconducir a situación deste servizo.

A segunda moción refírese a infraestruturas, obras e medio rural, e inclúe a elaboración dun plan de infraestruturas para os vindeiros 20 anos que pemita acometer a construción do Carballiño do futuro; a convocatoria urxente do Consello Municipal de Saúde para tratar a situación do actual e do futuro Centro de Saúde; a elaboración dun plan de prevención de inundacións en todo o concello e a convocatoria de tódalas asociacións veciñais do medio rural a unha reunión con tódolos partidos da corporación para coñecer as súas necesidades e establecer un Plan de Actuación para a Recuperación do Rural.

O terceiro apartado é o relativo a temas de política social, educación, deportes, comercio e industria. Así, Espazo Común solicita a reprobación do goberno municipal do Carballiño pola súa nefasta xestión do contrato do Servizo de Axuda no Fogar; a creación dun Consello Municipal de Política Social que permita unha reorganización desta área coa participación de tódolos axentes afectados; a elaboración dentro do plan de infraestruturas municipal dunha parte específica para instalacións deportivas; a convocatoria dunha reunión urxente da Mesa Local de Comercio para tratar a situación do pequeno comercio e da Praza de Abastos e unha xuntanza cos técnicos da Xunta e toda a corporación para coñecer a situación exacta da ampliación do Parque Empresarial.

Finalmente, medio ambiente, mobilidade e seguridade son os eidos que esta formación política plantexa para o seu debate pola Corporación carballiñesa, propoñendo a elaboración dun proxecto integral de futuro para o Parque Municipal e do comprometido plan de mobilidade e accesibilidade, ademais da convocatoria dunha reunión con técnicos do Ministerio para tentar acadar solucións ao problema da N541 ao seu paso polo Carballiño.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------