O Centro Xaquin Lorenzo despide unha das edicións máis tristes dos 40 anos das ‘Xornadas de Folclore’

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os 40 anos das Xornadas de Folclore xa forman parte do pasado, coa marcha de todos os grupos participantes, nun aniversario marcado pola adversidade e a cancelación da maioría dos festivais previstos. As Xornadas son o resultado do traballo feito ao longo de todo un ano polo Centro Cultural Popular Xaquín Lorenzo. 

A pesar do poso de “tristura” deixado nesta edición especial polos tráxicos incendios, o equipo do Centro Popular xa está a pensar no próximo ano, xa que como aseguran “a paixón e a ilusión” por traer a Ourense cada ano unha mostra do folclore do mundo segue presente.

O Centro de Cultura Popular naceu a partires dunha adaptación da Escola Provincial de Danza da Deputación que, dende 1984, viña desenrolando unha intensa actividade no eido da música e da danza popular. Tamén se sumou ao novo proxecto a traxectoria comezada polo Colectivo Cultural ‘Castro Floxo’, adicado a actividades de investigación e difusión da cultura popular.

Entre os obxectivos do Centro  de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, dependente da Deputación de Ourense, atópanse a promoción de actividades que busquen recuperar, conservar e espallar a cultura popular e habilitar os medios para dala a coñecer, e transmitir deste xeito un patrimonio intanxible. 

As Xornadas de Folclore, que teñen lugar baixo a dirección artística de Xulio Fernández e a coordinación de Xavier Álvarez, son só unha das moitas actividades no que o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo traballa ao longo do ano. Mantén activa a Escola Provincial de Danza ‘Castro Floxo’, grupo co que participa en diferentes festivais, un dos máis recentes en Eslovaquia.

Ademais organiza diferentes obradoiros relacionados con oficios e outras actividades tradicionais, como o de xogos populares que percorre a provincia ou a exitosa romaría  Raigame, na vila de Vilanova dos Infantes cada 17 de maio. Participa en seminarios e Congresos nacionais e internacionais e edita varias publicacións, entre elas a revista Raigame, entre outras actividades.

As Xornadas están organizadas pola  Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------