Ante a situación de alerta provincial nivel 2 con motivo da vaga de incendios forestais, e baixo o principio de precaución e seguridade, a Deputación de Ourense e a Federación Galega de Baloncesto cancelan a celebración do “Circuito de Basquet 3×3 no Camiño”.
A Deputación de Ourense, en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, promovía este torneo 3×3 de baloncesto de carácter popular, para todas as idades, gratuíto e aberto a equipos de todas as comarcas. Esta iniciativa enmarcábase no programa de Fomento Deportivo 2025 da Deputación.
Dado o éxito de inscrición desta iniciativa, a organización buscará celebrar este torneo con sedes comarcais cando as circunstancias sexan favorables e completamente seguras. Trátase igualmente dunha actividade que, á vista da boa aceptación entre os usuarios, terá continuidade tamén nas vindeiras tempadas.