O Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Carballiño vén de solicitar formalmente ao Concello acceso a documentación relativa ao proxecto eólico que afecta ao municipio, despois de coñecer que, mentres se presentaban alegacións contra do proxecto, o goberno local podería estar a negociar e mesmo asinar acordos de colaboración coa empresa promotora.
O responsábel local do BNG, Manuel Chan Muñoz, presentou un escrito no que se recollen os seguintes feitos:
O 28 de maio de 2025, foi publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense o anuncio polo cal se sometía a información pública a solicitude de Autorización Administrativa Previa e o Estudo de Impacto Ambiental dos parques eólicos Agratina, Agromaces, Sistesas,
Ventoburgo e Xestiloi, promovidos pola empresa DRIZA Green Partners.
O 17 de xuño, o BNG rexistrou unha solicitude para que o goberno local facilitase información sobre o impacto destes proxectos e convocase asembleas informativas coas parroquias afectadas.
O goberno local, en cumprimento dun acordo plenario adoptado por unanimidade, presentou alegacións contra o proxecto o 3 de xullo, tras manter reunións coa veciñanza das zonas afectadas. Segundo informacións públicas, estas alegacións constan de 25 folios
e cinco puntos principais.
Con todo, a finais de xullo, a propia promotora anunciou, a través das súas redes sociais, a sinatura de acordos de colaboración con oito concellos afectados, entre eles O Carballiño. Estes convenios presentados como parte dunha suposta política de Responsabilidade Social
Corporativa (RSC), de seren certos, suporían segundo o BNG “un lavado de cara que non engana a ninguén”, xa que non compensan nin económica nin ambientalmente o impacto destrutivo destes proxectos sobre o territorio e a veciñanza. “Estariamos ante unha manobra que intenta disfrazar de beneficios locais o que non é máis ca un novo espolio á natureza co obxectivo de enriquecer a uns poucos mentres se empobrecen as parroquias afectadas”, salienta Manuel Chan.
Por tanto, dende o BNG do Carballiño demándase o acceso inmediato ás alegacións presentadas polo Concello, para verificar se o contido é coherente coa posición oficial ou se se están a producir contradicións graves entre o discurso público e as accións reais do goberno local; e, de existir, tamén se pide copia íntegra do convenio de colaboración asinado con DRIZA Green Partners que, segundo a promotora, inclúe ao Concello do Carballiño.
O BNG carballiñés alerta de que estes acordos, segundo se deduce do publicado polas propias promotoras, deixarían migallas nas parroquias afectadas e provocarían profundos agravios nos núcleos máis poboados da periferia do concello. Salientar que o retorno que traería estes proxectos, supón tan só o 1% dos beneficios das promotoras, unhas condicións máis que ruinosas ao tempo que condenarían á veciñanza a aturar estas molestias por un mínimo de 30 anos.