Na súa intervención, o presidente provincial felicitou aos organizadores desta iniciativa que analizará cuestións vencelladas ao sector primario e ao termalismo, elementos que forman parte da “idiosincrasia do noso territorio”, ademais de ser os focos de especialización do Campus
Ourense, 24 de setembro de 2025.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración do I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (AQUAXI´25), organizado polo Campus, que se celebrará hoxe e mañá 25 de setembro, na Facultade de Ciencias en Ourense.
Na súa intervención, o presidente provincial dixo que este tipo de iniciativas demostran o “potencial investigador do Campus de Ourense desde onde se fai investigación de calidade na provincia, exportando coñecemento ao resto dos territorios”.
Un congreso que ten carácter transnacional contribuíndo así á cooperación científica e territorial entre Galicia e o norte de Portugal, con quen compartimos “moitas características similares”, salientou Menor. Felicitou aos organizadores deste simposio que “emana da mocidade demostrando que o relevo xeracional neste eido está garantido”.
Baixo o título “Novos retos en alimentación, agricultura, medio ambiente e augas termais”, o Congreso afondará en cuestións relacionadas co sector primario e co termalismo, elementos que forman parte da “idiosincrasia do noso territorio”, ademais de ser os focos de especialización deste Campus.
Neste sentido, o presidente da Deputación fixo un repaso dos proxectos europeos cos que colabora a institución provincial, a través do Inorde, coa Universidade, e o papel clave que exerce a prol do sector primario provincial cos Centros de Desenvolvemento Agroforestal e o Agrogandeiro que prestan “apoio e asesoramento aos agricultores da nosa provincia”.
Ademais, lembrou no marco desa aposta pola formación e o talento, o goberno provincial mantén unha estreita colaboración coa Universidade, e concretamente, co Campus de Ourense a quen se destinou unha axuda de ao redor de 300.000 euros para diferentes accións.