O director da Área de Cultura, Marcos Vázquez, recibiu á directiva desta entidade xunto aos participantes no XV Encontro Internacional de Poesía “Víctor Campio”
Ourense, 3 de outubro de 2025.
A Deputación e o Círculo Poético Ourensán estreitarán os seus lazos de colaboración a prol da dinamización cultural na provincia, tal e como quedou de manifesto na reunión de traballo que mantiveron esta mañá o director da Área de Cultura, Marcos Vázquez, e a directiva deste entidade, presidida por Xosé Ramón Fernández Morgade.
Vázquez comprometeuse a canalizar as peticións de colaboración transmitidas polo Círculo Poético, baseadas nas actividades que desenvolven durante todo o ano, como é o caso do próximo XV Encontro Internacional de Poesía “Víctor Campio”, cuxos participantes tamén estiveron presentes no encontro mantido no Pazo Provincial.