O Concello de Ribadavia xa puxo en marcha a instalación das luces de Nadal que, un ano máis, converterán a vila nun dos grandes destinos destas datas. Despois de gañar o prestixioso concurso de Ferrero Rocher o pasado ano, que trouxo milleiros de visitantes ás súas rúas, Ribadavia reafirma a súa aposta por un Nadal único e cheo de encanto. Segundo datos da propia compañía, a iniciativa de Ferrero Rocher incrementa nunha media dun 50% a chegada da turistas. Un crecemento que non só dura durante a iluminación, senón que arrastra o efecto positivo moito despois da retirada das luces.
Por iso, o Concello de Ribadavia non pensa perder o ‘tirón’, senón todo o contrario. Ao longo destas semanas, os operarios municipais están xa a colocar preto de un millón de luces LED que iluminarán a meirande parte das rúas da vila, enchendo de cor e maxia as súas históricas, fermosas e empedradas rúas. Este ano, a iluminación amplíase á rúa San Martiño e á rúa Yáñez, ademais de reforzarse no Castelo dos Condes, que brillará con especial intensidade.
“Este Nadal queremos seguir amosando ao mundo o mellor de Ribadavia: unha vila viva, con historia, cun patrimonio único e cunha comunidade que se volca cada ano para crear algo realmente especial. O recoñecemento de Ferrero Rocher foi un impulso importante, pero o verdadeiro mérito é da nosa xente, que fixo posible converter o Nadal en Ribadavia nun referente en toda Galicia. Continuaremos traballando para que a iluminación, a programación cultural e o ambiente destas festas sigan a ser motivo de orgullo e de dinamización económica para todo o concello”, explica o alcalde, César Fernández.
A decoración completarase con outros elementos ornamentais que xa forman parte da tradición do Nadal ribadaviense, creando unha atmosfera acolledora e inesquecible para veciños e visitantes.
O acendido oficial das luces celebrarase o sábado 29 de novembro, cunha tarde-noite chea de ilusión que contará ademais coa actuación musical de Broken Peach, encargados de poñer ritmo e alegría á primeira noite dourada do Nadal en Ribadavia.
Con esta programación, Ribadavia quere consolidarse como un dos destinos imprescindibles para vivir o Nadal en Galicia, convidando a todos e todas a gozar da súa luz, do seu patrimonio e do seu espírito festivo.