O Concello do Carballiño vén de iniciar unha medición de gas radon a longo prazo nas aulas do Conservatorio Municipal e da Escola de Música, ubicadas nos baixos do Auditorio Manuel María, para comprobar a eficacia dos novos sistemas de ventilación e ratificar os correctos niveis de gas nas instalacións.
Estas medicións foron encargadas ao laboratorio Radon Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, e, tras ser efectuadas onte, día 9 de outubro, prolongaranse nun periodo de tres meses. “Trátase dunha medición a longo prazo que nos permitirá comprobar a eficacia do novo sistema e saber se é preciso realizar algunha modificación”, explicou Lorena Castro, concelleira de Educación.
Deste xeito, cada unha das 18 aulas do Conservatorio conta desde onte cun medidor que recollerá a concentración de gas radon ao longo dos próximos tres meses. Cabe lembrar que o Concello solicitou a inicios de setembro, de forma preventiva, unha medición a Radon Galicia para comprobar o estado do edificio, e dúas das cinco salas medidas amosaron niveis por riba dos 300 becquerelios.
O límite medio máximo recollido pola normativa vixente é de 300 becquerelios, o que xa se cumpre no edificio; porén, o Concello tomou a decisión de retrasar a volta ao Conservatorio ata que todo o espazo rexistre valores inferiores aos 300. “Queremos ter a seguridade de que os niveis son menores a 300 para tranquilidade do equipo docente e do alumnado”, recorda Lorena Castro.

















