O 16º Salón do Automóbil reúne en Expourense a 15 concesionarios e unha oferta 27 marcas de vehículos

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os concesionarios oficiais da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (ACAUTO), participarán como expositores no 16º Salón do Automóbil que se celebrará durante dúas fines de semana seguidas en Expourense. A fin de semana do 17 ao 19 de outubro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 22 ao 24 de outubro o do Vehículo de Ocasión. Trátase de dúas citas vencelladas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que está organizado de forma conxunta entre Expourense e ACAUTO. Esta cita ofrece a oportunidade de coñecer nun só espazo as últimas novidades do sector e coñecer o futuro da mobilidade na provincia de Ourense.

O 16º Salón do Automóbil foi presentado esta mañá en Expourense nun acto no que participou o presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo Cid; o deputado de Representación Institucional da Deputación provincial de Ourense, Rosendo Fernández Fernández; o secretario xeral de Cáritas Ourense, Javier Soto Varela, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González. Por parte de ACAUTO interviu o seu presidente, César Fernández Mosquera, que participou acompañado pola vicepresidenta Eva André Cendón, e por boa parte da xunta directiva desta asociación empresarial.

César Fernández anunciou que esta edición servirá para renderlle homenaxe a Ramón Seijas Pérez, presidente de ACAUTO ata o seu falecemento hai uns meses. “Foi o principal impulsor deste evento, figura clave en ACAUTO e un referente indiscutible do sector da automoción en Ourense. Foi un gran defensor do papel dos concesionarios como motor económico e social de Ourense”, indicou.

Todas as marcas presentes aproveitarán a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2026. En total, participarán 15 empresas representando a 27 marcas que presentarán en total unha trintena de modelos novos en todas as motorizacións existentes na actualidade.

As marcas representadas son: AUDI, BMW, BYD, CITROËN, CUPRA, DACIA, EBRO, FIAT, FORD, HYUNDAI, JEEP, KIA, LEAP MOTOR, MAZDA, MERCEDES BENZ, MG, NISSAN, OMODA-JAECOO, OPEL, PEUGEOT, PORSCHE, RENAULT, SEAT, SKODA, TOYOTA, VOLKSWAGEN e VOLVO. Entre os dous salóns estarán expostos máis de 650 vehículos o que converte a Expourense no maior concesionario do Norte de España durante estas dúas semanas.

Tanto dende ACAUTO como dende Expourense indícase que estas dúas citas son unha magnífica oportunidade (por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira) para aqueles que buscan un coche novo. Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.

Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade de 15 euros por cada vehículo vendido que será achegada por ACAUTO. Dende que se realiza esta acción que comezou no 2016, xa se teñen achegados máis de 40.000 euros.

O obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público obxectivo e amplo que poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo.

Dende ACAUTO insisten de novo na necesidade de rexuvenecer o parque móbil da provincia de Ourense, o máis antiguo e España, que na actualidade ten unha idade media de 17 anos, cando a media nacional está en 14,5 anos. No primeiro semestre de 2025 foron vendidos en Ourense 1.710 vehcñiculos novos e 11.142 de ocasión.

Para facilitar a elección do novo coche familiar, volverá haber servizo de ludoteca gratuíto durante toda a fin de semana (venres de 17,00 a 20,30 h; sábados de 12,00 a 14,00 e de 17,00 a 20,30 h, e domingos de 12,00 a 14,00 e de 16,30 a 20,00 h).

O horario do 16º Salón do Automóbil será os venres 17 e 24 de outubro de 11,00 a 20,30 h; os sábados 18 e 25 de outubro de 10,00 a 20,30 h, e os domingos 19 a 26 de outubro de 11,00 a 20,00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------