O obradoiro de costura de Sandiás pecha o seu segundo ano de actividade cunha exposición de 50 pezas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O obradoiro de costura de Sandiás pecha o seu segundo ano de actividade cunha exposición de 50 pezas, unha representación dun taller do oficio artesanal da costura mesturado con elementos da recolleita agrícola da zona

Exposición de 50 pezas de roupa en maniquíes, reciclaxe e bordados

A inauguración será o sábado, 25 de Outubro ás 19.00 h na Sala de Exposicións da Casa de Cultura (Concello de Sandiás). Estará dispoñible para visitar ata o 23 de Novembro. Aberta os sábados dende as 19.00 h ata as 20.00 h.

A segunda exposición que leva por título “A recolleita. Compartimos convosco o froito do noso traballo” que se mostra na Sala da Casa da Cultura de Sandiás consta dunha exposición de ciencuenta pezas de roupa en maniquíes (vestidos, pantalón, mandiles, chaquetas, roupa de nenos e nenas), reciclaxe e bordados, especialmente a práctica do punto do demo.  Tamén se mostrará unha representación dun obradoiro do oficio artesanal da costura mesturado con variados elementos da recollida agrícola da zona.  Péchase cuns petiscos no Local Social do Concello de Sandiás. A exposición é froito do Obradoiro de Costura que se desenvolveu no Local Social animado por Geni Losada e que contou con 23 persoas participantes que puxeron a proba a súa iniciativa e creatividade cos seus proxectos de patronaxe e confección.

A Recolleita. Compartimos convosco o froito do noso traballo. Unha homenaxe aos labregos e labregas do concello

Igual que a I Exposición de Costura foi un homenaxe aos xastres e costureiras da zona, esta segunda exposición quere ser unha homenaxe aos labregos e labregas do concello. Un recordatorio aos labregos, faguendo mención e comparando un pouco ou seu traballo co  das costureiras que levan traballando sete meses no obradoiro do concello desde que comezamos no tempo da sementeira e agora presentan os froitos do seu traballo no tempo da recolleita. A época do verán empezaba coa sega da herba no mes de xullo e terminaba coa recollida das patacas en agosto, as dúas faenas máis importantes e duras. Durante a sega da herba verde, a media mañá, levaban o xantar aos homes aos prados e estendían a herba para que se secase mentres eles comían. Despois, xuntaban a herba en feixes para transportalos aos carros e de alí aos palleiros onde se almacenaban como alimento para o gando durante o inverno e a primavera. Aínda que era un traballo do home, elas tamén segaban cando era necesario. Nesta época do ano, ademais ían ao monte para arrincar e cargar feixes de herba para dar de comer ao gando. Na exposicions haberá polo tanto, produtos do oficio do fío mesturados con produtos e obxectos das tarefas agrícolas como o xugo das vacas, manestrillas de castiñeiro, tegas, marmeladas, agrades, follas de outono, parras, garrafóns, porróns, sacas de patacas e millo, entre outras cousas símbolo das tarefas de outrora.

Por outra parte, tense xa desde moi antigo constancia do traballo de coser feito por mulleres e homes no concello. Os talleres ou a casa eran lugares de traballo mais tamén de risas e confidencias, mundos e espazos para aprender novos saberes e tamén para mirar o mundo. A maior parte das veces este oficio realizábase traballando polas casas. Certas casas solían pedir ao mesmo tempo o xastre e a costureira. Se ías traballar así era bo contar cunha máquina de coser. Xa en 1876, no semanario O Tío Marcos d’a Portela, aparecía un anuncio en galego falando da máquina de coser Singer e ofertando grandes descontos na venda ao contado. Nos anos 50 e 60, tamén comeza a haber homes e especialmente mulleres que traballan na casa cosendo para unha fábrica que lles daba as pezas xa cortadas.

A xente corrente, nas aldeas, tiña un roupeiro moi escaso e evitaban cámbialo dándolle tiróns as perneiras, rifando as nais cos nenos si traían a roupa estragada, lavaban as camisas aparte, usábanse mandilóns, blusas e monos para non manchar a roupa, tinguían de negro e abrigábanse máis no inverno. Tamén estaba moi espallada a “cultura do remendo” habendo ata cestos de remendos.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------