Co portavoz popular Pedro Yáñez Salgado como candidato á alcaldía
· A candidatura de Yáñez Salgado está apoiada pola concelleira do PP Verena Yáñez Álvarez e os edís non adscritos Miguel Domínguez Hervella e Antonio Núñez Estévez, ata xullo nas filas do grupo socialista
· Os asinantes da moción explican que dan este paso ante “a grave situación de deterioro institucional, político e social que vive o Concello, cun goberno caracterizado pola improvisación e falta de diálogo
15, outubro, 2025. O Partido Popular no Concello de Manzaneda vén de presentar unha moción de censura contra o alcalde do PSOE, Amable Fernández, dada a perda de apoio do seu grupo e a inestabilidade na xestión municipal que se deriva dun goberno en minoría. O escrito da moción recolle que o candidato á alcaldía será o actual portavoz popular, Pedro Yáñez Salgado, apoiado pola concelleira do PP Verena Yáñez Álvarez e os edís non adscritos Miguel Domínguez Hervella e Antonio Núñez Estévez, ata xullo nas filas do grupo socialista.
Os asinantes da moción explican que dan este paso ante “a grave situación de deterioro institucional, político e social que vive o Concello”. Afirman que o actual goberno de Amable Fernández caracterízase pola improvisación e carece de proxecto de futuro, ademais de perder investimentos e mostrar “falta de diálogo coa veciñanza e a corporación”, unha deficiente comunicación que tamén estenden ás administracións locais e supramunicipais e ao tecido asociativo local.
Consideran que o relevo na alcaldía débese “á ausencia dunha folla de ruta clara, que impide dar resposta ás necesidades da poboación”, sen proxectos de dinamización económica ou social.
Ante esta situación, explican os edís que asinan a moción, é imprescindible “un cambio de rumbo que recupere o diálogo, a planificación e a estabilidade institucional”, considerando que este paso é “un exercicio de responsabilidade”.
A dirección do Partido Popular enmarca esta moción de censura nun acordo local derivado da ingobernabilidade na que está sumida o Concello, cun equipo en minoría e sen apoios. Agora, sinala o PP de Ourense, ofrécese á veciñanza unha maioría alternativa para atender as principais necesidades do municipio.