O historiador carbaliñés Felipe Senén López Gómez recibíu o Premio Ernesto Atanasio O Corcheiro, que concede a Agrupación Cultural Avantar, nun acto celebrado no Casino Cultural e Recreativo do Carballiño e que contou coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, ademais de familiares do galardoado e do propio fillo do lembrado militante galeguista que posuía o seu obradoiro na rúa Carreira.
O programa comezou cun pequeno recital de Andrés Rodríguez, que coa súa voz e guitarra interpretou unha canción coas letras dun poema de Manuel María. A continuación, Reme Forneiro, como voceira de Avantar, deu lectura a unha loubanza de López Gómez, salientando a súa traxectoria didáctica e investigadora no eido da Arqueoloxía, que lle fixo acredor de moitas distincións e recoñecementos a nivel académico e institucional.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



A continuación, Andrés Rodríguez, en representación do colectivo cultural, fíxolle entrega a Felipe Senén López da escultura do ‘galo’ identificativo de Avantar, ante o aplauso do público asistente que encheu as cadeiras do salón de actos do Casino carballiñés. No seu discurso de agradecemento, o recoñecido historiador da vila do Arenteiro debullou aspectos do actual panorama social e político, no que salientou o exceso de “vanidade” e falta de valores na defensa das persoas.
O acto rematou coa actuación do cuarteto Catro Nun Zoco, liderado polo cantante Mini Rivas, fundador das míticas agrupacións musicais galegas Fuxan Os Ventos e A Quenlla.

















