A Xunta de Galicia puxo hoxe en marcha a segunda edición dos bonos Activa Comercio 2025, dotada con 2,5 M€, co gallo de poñer mañá a disposición das persoas consumidoras os bonos de desconto de ata 30 euros. O importe súmase aos 2,5 millóns de euros destinados á anterior edición da iniciativa este ano, sumando un total de 5 M€. Unha cantidade que volverá consignarse nos orzamentos de 2026 para consolidar esta acción dinamizadora do comercio local.
A xerente do Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño, Noelia Mares, apuntou que son un total de 84 establecementos da vila (entre os que se inclúen os adheridos ao CCA) os que poñen á disposición da clientela a posibilidade de utilizar este bono. Tamén nos indicou cáles son os pasos a seguir por calquera persoas para activalo no teléfono móbil e os descontos aos que dá dereito o seu uso.

Segundo salientou esta mesma mañá o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, hai máis de 6.000 negocios adheridos en toda Galicia e ás dúas horas desde a súa activación descargáronse 61.500 bonos e mobilizáronse máis de 620.000 euros, o que evidencia o elevado impacto da iniciativa. José González, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo, e co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá en Santiago os comercios Deportes Caneda e Joyería Regueira —ambos adheridos ao Centro Comercial Aberto Compostela Monumental— con motivo do lanzamento desta nova edición dos bono Activa Comercio.
Como novidade, os establecementos non teñen que inscribirse de novo para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición, co obxecto de gañar en axilidade en beneficio tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras. En todo caso, se algún comercio non se sumara e quere facelo agora, ten de prazo aínda deica o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición.
O programa dos bonos Activa Comercio ten como obxectivo incentivar a demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentando o consumo nos establecementos retallistas adheridos á campaña. Con esta nova edición, o Goberno galego prevé mobilizar máis de 8,5 M€ en vendas no comercio de proximidade de Galicia.
As edicións anteriores desta iniciativa iniciada no 2021 contribuíron á reactivación das vendas no comercio local e a incentivar a demanda das persoas consumidoras, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 110 millóns de euros. A última edición, que tivo lugar en xuño deste ano, saldouse con máis de 6.700 comercios adheridos en toda Galicia, preto de 215.000 bonos descargados e máis de 11 millóns de euros mobilizados en compras, dos que a Xunta puxo a disposición —como agora— un crédito de 2,5 millóns de euros en descontos de ata 30 euros por persoa.
















