A D.O. Ribeiro harmoniza os seus viños con arte e música na 11ª edición de ‘CatArte’

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro, en colaboración coa Deputación de Ourense a través do Centro Cultural Marcos Valcárcel, promove un ano máis un proxecto de harmonía dos seus viños coa arte e coa música na que vai ser a undécima edición de “CataArte”.

Esta iniciativa, altamente consolidada ao longo dos anos, desenvolverase os xoves 13, 20 e 27 de novembro. CataArte consiste na cata de viños dunha adega pertencente á D.O. Ribeiro no entorno dunha exposición artística e complementada cun concerto musical de entre 30 e 40 minutos. No eido vinícola, os colleiteiros Pousadoiro e Casal do Canteiro serán os protagonistas da primeira xornada, o 20 de novembro será o momento de coñecer máis polo miúdo o proxecto de Bodegas Casal de Armán e o broche final, na derradeira sesión, virá da man de Bodega Alanís. O apartado musical desta edición correrá a cargo de The Lie’s project (13 de novembro), Álvaro Alonso DJ Verbena (20 de novembro) e Besbellos (27 de novembro).

Novamente, esta edición contará co acceso en forma entrada solidaria, cun prezo de 5€ por sesión que se deberá adquirir úunicamente a través do portal electrónico Entradium.com, sendo un ano máis un evento solidario que destinará todo o diñeiro recadado á Asociación Diabética Auria.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, salientou o aspecto de compromiso social corporativo tanto do Ribeiro como da Deputación para apoiar esta iniciativa durante máis dunha década e puxo de manifesto que “o gran éxito de CatArte demostra que viño da D.O. Ribeiro, a arte e a música harmonizan á perfección”.

A presidenta do Consello Regulador D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, tamén incidiu no compromiso das adegas con esta vertente social e na absoluta consolidación desta actividade ao longo dos anos. “Dende o seu nacemento, o Consello Regulador e o Centro Cultural Marcos Valcárcel fomos da man neste proxecto e agardamos seguir traballando xuntos en moitas máis edicións”, dixo a presidenta.

Paz Gómez del Valle, presidenta da Asociación Diabética Auria, agradeceu o apoio e a visibilización que con esta acción se conseguirá hacia a asociación que dirixe, constituida no ano 2002 e que ten por misión reunir ás persoas con diabetes da provincia de Ourense e as súas familias, a fin de mellorar as súas condicións de vida e defender os seus dereitos sanitarios, educativos e sociais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------