O Concello do Carballiño aprobará no pleno de novembro a bonificación do 75% do importe pagado por Aspadisi polo Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) da nova residencia. Así, o goberno local devolverá á entidade 17.153,53 euros que mellorarán a súa capacidade económica e facilitarán o desenvolvemento da súa importante actividade social na comarca do Carballiño. “É necesario resaltar o papel de Aspadisi, clave para acompañar, coidar e asesorar ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias”, apunta Francisco Fumega, alcalde do Carballiño.
A residencia, inaugurada o pasado febreiro e con capacidade para 32 prazas, das cales están ocupadas 17 na actualidade, supuxo un importante fito para Aspadisi e para as familias e persoas usuarias. “Levamos moitos anos traballando con persoas con discapacidade, sempre fomos unha pequena familia, e agora somos unha familia máis grande, con máis persoal e máis servizos”, explica Rita Freigenedo, directora do Centro Ocupacional da entidade, quen dá conta do aumento da plantilla e dos servizos neste último ano.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O centro residencial deu resposta ás necesidades das familias, que moitas veces, pola idade dos proxenitores ou mesmo o seu falecemento, xa non podían prestar a mesma atención ás persoas con discapacidade. “A residencia asegura o futuro dos usuarios e usuarias, e a boa calidade das súas vidas”, recalca Freigenedo. Neste sentido, nos últimos meses achegáronse a Aspadisi novas familias que buscaban un recurso deste tipo, que non abunda en Galicia.
Ao marxe da residencia, que está dirixida por Cristina Lorenzo, cabe destacar a amplia variedade de servizos da entidade, que acompaña e asesora ás persoas usuarias en todos os ámbitos da súa vida. Entre outras propostas, Aspadisi conta co devandito Centro Ocupacional, no que un total de 25 usuarias e usuarios de Aspadisi traballan en obradoiros de carpintaría, costura e manualidades. Ademais, levan a cabo tamén actividades de ximnasia, musicoterapia ou programas de intelixencia emocional.
“Tamén contamos cun grupo que chamamos Autoxestores, onde se reúnen usuarios para falar das súas inquedanzas e intereses, o que nos permite dar resposta a necesidades que van xurdindo”, detalla a directora do obradoiro ocupacional. O centro tamén conta cunha ampla oferta de ocio, con excursións, participación en eventos e colaboración con outras entidades da comarca.

















