O pasado venres, 14 de Novembro ás 11.45 h no salón de actos da Casa de Cultura do Concello de Sandiás os Bolechas coa “muller orquestra” arrincaron moitas notas musicais á vez que gargalladas nos nenos e nenas, familiares e educadores do Pai e do do alumnado de infantil de 1º, 2º e 3º do Ceip de Sandiás cunha asistencia de preto de 50 participantes.
Neste teatro de monicreques, Pili Bolechas decide converterse nunha “muller orquestra” e construír un escenario musical cos seus instrumentos para ofrecer un gran concerto, a pesar de que ningún de seus irmáns parece estar moi convencido. Carlos non quere tocar o bombo, Loli non quere tocar os pratos, Braulio non quere tocar o trombón, Sonia non quere tocar o clarinete… Sonia ten unha idea para resolver esta enleada! A medida que as melodías do tambor, a guitarra, o piano ou a frauta soan, as nenas e os nenos aprenden os diferentes estilos musicais e participarán coa familia nas súas propias cancións.
O obxectivo deste espectáculo foi experimentar cos instrumentos e crear novos ritmos entre a cativada, ao mesmo tempo que fomentan o uso do idioma. Foi do gusto dos nenos e nenas do Ceip que disfrutaron moito cantando e bailando e tamén dos máis cativos do Pai de Sandiás pois xa coñecían personaxes como o bebé Tatá e o can Chispa polos contos da biblioteca.
Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia que pretende promocionar o uso do galego e ampliar a oferta de ocio no noso idioma. O espectáculo teatral está orientado a motivar o coñecemento do galego, ao mesmo tempo que se reforza a música como un elemento de conexión entre as persoas.

















