
“Carballiño Progresista” é unha publicación en formato xornal coa que se pretende recuperar a memoria histórica do noso pobo, facendo fincapé naqueles persoeiros que loitaron para a que O Carballiño se convertese nunha vila de referencia no resto da provincia. Así foi presentada hoxe esta revista histórica na sede da Agrupación Local do PSdeG-PSOE, unha iniciativa de edición que parte dun dos compromisos adquiridos pola nova comisión executiva desta formación política, que lidera Manuel Sotelo Vila.
Precisamente Sotelo Vila foi o encargado de presentar aos medios esta orixinal publicación da que é autor o historiador e socialista Carlos Montes Marqués, que estivo acompañado no acto por Diego Fernández, integrante da comisión e tamén concelleiro de Cultura do Carballiño. O secretario local socialista apuntou que “con esta revista tamén queremos facer unha homenaxe a aqueles mártires que deron a súa vida a prol do progreso desta vila, e, por outra banda, nela relátanse os sucesos de maior relevancia acontecidos dende que O Carbqalliño se converteu en municipio ata os anos da posguerra”.
Carlos Montes salientou na súa intervención as novas aportacións que se fan nesta edición, coma é o papel de Valentín Fernández como alcalde, presidente da Deputación e comandante das milicias nacionais. “Trátase, quizais, do persoeiro de maior transcendencia, non só para este Concello, senón tamén para o resto da provincia e incluso de Galicia”, subliñou o autor de “Carballiño Progresista”.
Outros apartados da revista recollen, entre outros temas, a herdanza progresista de Valentín Fernández; o papel da masonería; a masacre de Oseira; a aparición dun proletariado vencellado ao agrarismo herdado de Basilio Álvarez; os ilustres da vila e os represaliados do nazismo e do franquismo.
Esta publicación do PSdeG-PSOE do Carballiño será presentada o vindeiro sábado, 22 de novembro, na Casa da Cultura da vila, nun acto que comezará ás 12,30 horas, e ao que está convidado toda a veciñanza do municipio e da comarca.

















