A xunta de portavoces da Deputación aproba unha declaración institucional para o recoñecemento do Campo de Aragón como lugar de memoria democrática

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A iniciativa busca dignificar un dos espazos de maior represión documentada de Galicia, onde foron fusiladas alomenos 119 persoas segundo o proxecto Nomes e Voces das universidades galegas

Álvaro Vila destaca que esta declaración representa un exercicio de responsabilidade democrática e un compromiso coa verdade, a xustiza e a reparación histórica ás vítimas

A proposta, ratificada por todos os grupos, demanda do Goberno de España a declaración formal do Campo de Aragón como Lugar de Memoria Democrática e a colocación dunha placa conmemorativa.

Ourense, 1 de decembro de 2025. A Xunta de Portavoces da Deputación de Ourense aprobou por unanimidade unha declaración institucional para solicitar ao Goberno de España que declare o Campo de Aragón como Lugar de Memoria Democrática. A iniciativa, que responde a unha senlleira demanda do Grupo Provincial Socialista, busca recoñecer un dos espazos de maior represión documentada de Galicia durante a ditadura franquista.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O secretario provincial do PSdeG-PSOE e voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila, destacou a transcendencia histórica e moral desta declaración. “Estamos a falar dun dos lugares máis significativos da represión franquista en Galicia, un espazo que forma parte dunha memoria colectiva que non pode ser esquecida nin silenciada”, valorou Vila trala adopción da declaración conxunta.

Segundo o proxecto de investigación Nomes e Voces, elaborado polas tres universidades galegas en convenio coa Xunta de Galicia, no Campo de Aragón foron fusiladas alomenos 119 persoas. Esta cifra ascende a 133 segundo o historiador Julio Prada na súa obra “Ourense 1936-1939: alzamento, guerra e represión”. Estes datos converten o espazo nun dos lugares de maior represión documentada de Galicia.

O líder provincial socialista subliñou que a Lei de Memoria Democrática establece no seu artigo 49 que un Lugar de Memoria Democrática é aquel espazo onde se desenvolveron feitos de singular relevancia pola loita en defensa da democracia, as liberdades e os dereitos humanos. “Preto de 6.000 persoas perderon a vida en Galicia como consecuencia da represión franquista”, recordou Vila.

Testemuña física dunha época de terror e violencia política

O Campo de Aragón é unha explanada que formaba parte do antigo cuartel de San Francisco. Hoxe está integrado no conxunto que acolle o Auditorio Municipal, a Biblioteca Pública, o Edificio de Artes Escénicas Manuel Suárez Castro e o Arquivo Histórico Municipal. Para o secretario provincial do PSdeG-PSOE, “este espazo representa unha testemuña física en Ourense dunha época de terror e violencia política que a sociedade democrática ten o deber moral de non esquecer”.

A declaración institucional aprobada pola Xunta de Portavoces inclúe tres peticións concretas. En primeiro lugar, solicítase ao Goberno de España a declaración formal do Campo de Aragón como Lugar de Memoria Democrática ao abeiro da lexislación vixente. Amais, proponse impulsar a colocación dunha placa no conxunto de San Francisco que lembre ás persoas detidas ilegalmente, maltratadas e executadas neste lugar. Finalmente, reafírmase o compromiso da Deputación coa memoria democrática como valor colectivo.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

“A memoria democrática non é unha cuestión do pasado, senón unha responsabilidade do presente que condiciona o noso futuro como sociedade”, explicou Álvaro Vila. O voceiro socialista destacou que o recoñecemento institucional do Campo de Aragón ten unha dimensión ética, pedagóxica e política que trascende as lóxicas partidarias. “Falar de memoria democrática é falar de xustiza, de verdade e de reparación para as vítimas e as súas familias”, sostivo.

O secretario provincial puxo de relevo que a colocación da placa representa un acto de xustiza histórica que non admite demora. “As persoas executadas no Campo de Aragón loitaron pola democracia e polas liberdades das que hoxe gozamos, e merecen ser recordadas coa dignidade que lles foi negada durante tanto tempo”, concluíu Vila. O líder socialista engadiu que este elemento terá tamén unha función educativa para as futuras xeracións sobre a importancia de defender os valores democráticos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------