
O Auditorio Municipal acollerá o próximo 18 de xaneiro ás 19,00 horas o monólogo “Generacional” do coñecido cómico Agustín Jiménez. O artista, que leva 25 anos sobre os escenarios, falará co seu humor característico das relacións entre xeracións de pais e nais cos seus fillos millenials. “Intentamos que a programación de Nadal sexa o máis diversa posible, que inclúa teatro, cine e tamén humor, que é a mellor receta médica”, apuntou Diego Fernández, concelleiro de Cultura, durante a presentación do monólogo.
Indalecio Caballero, “Lito”, da productora organizadora, deu conta da longa traxectoria de Agustín Jiménez e convidou á veciñanza a achegarse ao Auditorio Municipal para desfrutar, rir e divertirse. “É un clásico da comedia de España”, resaltou. Diego Fernández aproveitou a ocasión para agradecer a Lito a organización deste tipo de eventos que levan o humor por toda Galicia, así como por “pensar no Carballiño”.
As entradas para “Generacional” están á venda a través da web Giglon.com e na Pulpería Veracruz. “Animamos á xente a que compren as entradas canto antes, porque neste tipo de eventos esgótanse rapidamente”, recomendou o concelleiro.

















